«Non dubidaría», reflexión na semana de educación pola paz
[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/sUCq8avx4do" width="425" height="350" wmode="transparent" /]
Para Xesús R.Jares, sempre
Esta semana, con motivo da festa do 30 de xaneiro, as nosas escolas volverán encherse de globos pola paz. A celebración deste «Día Escolar da non violencia e pola Paz» remóntase en Galicia a 1984, ano no que comezaron as actividades de educación pola paz no Colexio Público García Barbón de Vigo. Unha iniciativa que prendeu como lume esperanzado na sociedade escolar galega. Os actos alegóricos como a solta de pombas ou globos no patio de cada centro; a confección de carteis; a elaboración de manifestos; as cadeas humanas na rúa do Príncipe; a realización de programas de radio foron algunhas das actividades que se desenvolvían nesta xornada reivindicativa e que agora son unha rutina que non falta en centro educativo ningún.
Daquelas primeiras celebracións dos oitenta xerminou o movemento galego de educadores pola paz, que dende entón celebra cada ano os seus encontros e promove investigacións, materiais didácticos e publicacións que desenvolven unha cultura para a paz e para a educación nos dereitos humanos. Fito sobranceiro do compromiso destes profesionais, organizados arredor do grupo de Educadores pola Paz de Nova Escola Galega, foi «Construír a Paz. Cultura para a paz», un proxecto interdisciplinar promovido polo inesquecible Xesús R. Jares, o infatigable motor e estudoso deste movemento, no que participaron máis de cento trinta persoas de todo o mundo, que se plasmou nun libro solidario do mesmo título, editado por Xerais, e nunha exposición de pintura, escultura, fotografía e ilustración que percorreu as cidades galegas. Aquel proxecto, colectivo e solidario –os beneficios tirados da venda do libro e das obras de arte empregáronse para apoiar un programa de educación para o desenvolvemento no Brasil–, contribuíu a irradiar dende Galicia unha mirada global sobre a paz, tratando de repensar esta idea en todas as esferas e ámbitos da acción humana.
A comezos desta segunda década do século XXI persiste a vulneración dos dereitos humanos en todos os continentes. As dúas principais potencias do planeta continúan sen ratificar os dous principais tratados internacionais de dereitos humanos (Os Estados Unidos presididos polo Premio Nobel da Paz 2009 o «Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais» e a China o «Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos») asinados por ambos os dous nos anos noventa e que, porén, aínda como non ratificaron non están obrigados a cumprir as súas disposicións. Profundízanse os desequilibrios entre o Norte e o Sur do planeta (como demostra a recente crise humanitaria tras o terremoto de Haití). Institucionalízase a xenofobia e a aporofobia, a violencia apodérase de determinados entornos urbanos, rebrota a marxinación e a exclusión de amplos sectores da poboación. Constrúense muros que separan os seres humanos para protexer os privilexios dunha minoría. Continúa a violencia machista contra as mulleres e non cesan os conflitos bélicos como os de Afganistán e Irak e as guerras ocultas en case trinta puntos do planeta. Vivimos nun tempo, onde a nosa actitude cívica diante desta situación non pode ser nin a da resignación nin a da indiferencia. Un motivo de reflexión educativa para esta semana da paz que mañá comeza nos nosos centros.