Martín Códax
O presidente da sociedade de viticultores ensinounos as instalacións de Burgáns (permanentemente en obras de ampliación), que hoxe xa teñen unha capacidade para catro millóns de litros dos seus tres viños: Martín Códax, Burgáns e Organistrum. Chamoume a atención o coidado arranxo didáctico da Sala de Cata (un auténtico laboratorio para poñer a proba os sentidos e o interese pola cultura do viño) e a disposición da cava onde envellece o Organistrum (acompañado de múltiples referencias culturais).
A sorpresa para min foi a posta en marcha dunha bodega no Bierzo (alugaron unha bodega en Cacabelos), desde onde puxeron no mercado xa dous mencías: Martín Sarmiento e Cuatro pasos (non tivemos oportunidade de probalos, mais a presentación da botella, o deseño das etiquetas e as notas de cata son moi atractivos).
Mención á parte merece o labor cultural das Bodegas. Durante moitos anos promoveron o premio de poesía que levaba o seu nome (editado por Galaxia) e apoiaron un grupo de música antiga homónimo. Actualmente a súa sede constitúe, como sinalou Ramón Caride, o auténtico “Ateneo libertario de Vilariño”, xa que alí se realizan numerosas presentacións de libros, conferencias e outros eventos. Un modelo moi interesante de maridaxe entre o viño e a cultura.
Cambados é un dos lugares máis interesantes para vivir en toda Galicia, a pesar da súa inveterada costume ao contrabando. Beber un albariño (aínda que teñen unhas vinotecas ben surtidas onde morrer por un syrah sudafricano) en Cambados nalgunhas das súas tabernas ao caer da noite en xuño, por poñer un exemplo, é placer de deuses e coa compaña dunha terra que dá poetas e pintores en cada esquina. Unha taberna cambadesa xa é un ateneo, e libertario, por suposto.