Mario Regueira: "L' affiche rouge"
Hoxe Rubén publica unha magnífica anotación arredor de Rebelión no inverno, o primeiro libro de Mario Regueira. Dentro duns poucos días aparecerá nas librarías L’ affiche rouge, novela da que agardo moito se falará na rede. Hoxe adiantamos a cuberta.
Actualización (01-05-2007): Adiantamos o texto de contracuberta da novela, preparada a partir dun texto do propio autor:
“L’ affiche rouge narra a chegada ao mundo adulto de varios mozos nacidos ao abeiro da transición política. Os personaxes enfróntanse a un contexto onde a conquista da esperanza é só o principio de toda loita política ou persoal, e a súa propia identidade colectiva representa un problema que hai moito tempo ficou sen resolver polas xeracións precedentes.
L’ affiche rouge é o retrato dunha xeración que vai ao encontro dunha realidade que non é a prometida, senón un mundo onde a propia identidade persoal é sometida a constantes negacións e agresións nun contexto globalizado e xerarquizado. Os protagonistas adoptarán unha serie de posturas distintas que van desde a completa inhibición até unha revolucionaria e gozosa celebración da diverxencia. Entroncando coa tradición do bildungsroman, ou novela de aprendizaxe, os personaxes atópanse inmiscuídos nun proceso de formación do que o fracaso e a ausencia dos referentes agardados é unha constante.”
Agardamos con impaciencia L´Affiche Rouge na rede, e estou segura de que falaremos longo e tendido, polo menos dende o Espello (e seguro que tamén noutros escaques do blogomillo). Unha aperta.
Eu non fun quen de reprimir o desexo e fun correndo mercar o romance. Xa enredaremos sobre el. Vou secando a culler e/ou o coitelo.