Máis galego na ESO
A medida que se pretende aprobar, a pesar de que chega tarde, pode ser fundamental para revitalizar a ranqueante galeguización educativa. A utilización do galego como lingua vehicular en áreas como Matemáticas, Música ou Tecnoloxía (lembremos que o alumnado da ESO conta ata 11 áreas, o que suporía que canto menos en galego deberían impartirse cinco ou seis) é imprescindible para acadar o obxectivo establecido pola Lei de Normalización de 1983, de acadar unha competencia equilibrada en galego e castelán, tanto oral como escrita, de todo o alumnado ao remate da escolarización obrigatoria (daquela 8º de EXB). Posición que foi moi ben matizada polo documento de NEG, Modelo de Normalización Lingüística para o Ensino (elaborado en 1988 e revisado dez anos despois), que propoñía a necesidade dun punto terminal normalizador (situado aos 12 anos, ao remate da Educación Primaria) a partir do que se deberían impartir todas ás áreas na nosa lingua.
A utilización do galego como lingua vehicular na metade das áreas da ESO, sen ser o obxectivo que defendemos, constitúe un importante avance no proceso normalizador. Unha medida que para ser exitosa precisa dunha coidada estratexia de comunicación e formación entre o profesorado (para vencer algunhas resistencias, que sabemos as hai), ao tempo que unha firme vontade de velar polo seu cumprimento por parte das autoridades educativas (desde a Inspección ata as Delegacións Provinciais), precisamente o que fallou no famoso “Decreto Regueiro“.
Esta medida debe ir amparada, ademais, por unha recuperación do pulo galeguizador dentro dos centros e da súa comunidade educativa. Como ben sinala Marcos precisamos en todos os centros de Axentes da causa do galego, papel que hai vinte anos desempeñaron nos centros de EXB os “habilitados de galego” e, logo, os membros dos Equipos de Normalización Lingüística. Esa atmosfera propicia e en positivo para a lingua nosa pode ser o mellor acicate para o éxito da medida que se anuncia. Agardamos pola súa concreción normativa para valorar aspectos máis miúdos da medida.
Axente: empregado gubernamental ou municipal encargado de velar pola seguridade pública ou polo cumprimento de lei e ordenanzas.
Non era sen tempo, aver se conseguimos que se tomen as cousas máis en serio en vez de pasarse a lexislación por certa parte como até o de agora.