«La lectura en España. Informe 2008»
A Fundación Germán Sánchez Ruipérez e a Federación de Gremios de Editores de España acaban de publicar un informe sobre a situación da lectura en España durante o pasado ano 2008. Baixo o título de La lectura en España. Informe 2008 e o subtítulo «Leer para aprender», o volume cooordinado e introducido por José Antonio Millán realiza un amplo percorrido sobre as cuestións básicas da lectura e as fronteiras actuais da edición e dos futuros do libro.Organizado en tres grandes apartados, precedido dun adral maxistral de Roger Chartier («Aprender a ler, ler para aprender»), na primeira abórdase a situación actual da lectura (con traballos sobre a ofreta editorial, a situación libreira e bibliotecaria, a lectura da prensa e o papel da lectura no sistema educativo), na segunda a voz dos lectores e na última unha varia de achegas dalgúns dos máis importantes ensaistas sobre a lectura (dende Cassany e Barandiarán ao propio Millán). Un informe onde hai moito para debullar e reflexionar. É de salientar como extraordinariamente positivo que o informe se publique baixo unha licenza Cretive Commons e se poida baixar gratuitamente en formato pdf, dende a páxina da Federación de Editores, tanto completo como por cada un dos seus capítulos. Sen dúbida, isto si que constitúe un fito na historia da edición en España.