Jürg Schubiger, premio Andersen 2008
O autor suízo Jürg Schubiger foi o gañador do Premio Andersen 2008 (o nobel da LIX), anunciado onte na Feira de Bologna. O pasado ano publicamos Así comezou todo, un libro que escribiu xunto co poeta Franz Hohler. Schubiger combina a actividade de escritor coa de psicoterapeuta en Zürich e Tessin. As súas primeiras historias publicáronse en 1971 baixo o título Die vorgezeigten Dinge, cun prólogo do propio autor que comeza coas seguintes palabras:
“Presentar a Jürg Schubiger é un gran pracer, pois levou a vida dun auténtico poeta. A súa mocidade está marcada por continuas expulsións de diferentes centros escolares, así como por oficios da máis diversa índole, como xardineiro no sur de Francia, viticultor en Tessin e leñador en Córsega. Tampouco lle falta a experiencia de interromper a súa formación como cortador de cartón cando estaba a piques de rematala, e finalmente a súa obstinación por recuperar o tempo perdido preparando de forma autodidacta o bacharelato, indo á Universidade de Zürich e mais escribindo unha tesiña sobre A metamorfose de Kafka”.
Dende 1978, Schubiger dedícase sobre todo a escribir historias para nenos. Entre nós é coñecido só por dúas obras: Cuando el mundo era joven todavía, obra pola que obtivo o Premio Nacional Alemán de Literatura Infantil, e polo xa citado Así comezou todo. 34 historias sobre a orixe do mundo, traducido para o galego por Patricia Buján.
Na categoría de ilustración, o Andersen 2008 foi para Roberto Innocenti, de quen Kalandraka publicou o seu extraordinario Pinocchio e A historia de Erika.
Estes Andersen son dúas oportunidades para volver sobre a obra destes autores fundamentais, dos que afortunadamente xa hai unha mostra das súas obras en galego (o que demostra a madurez da nosa oferta).