Galicia: penúltima en lectura
Hoxe coñecimos os datos do barómetro de lectura e compra de libros de 2007: non hai novidades, Galicia continúa, outro máis e a pesar do cambio político, na penúltima posición, aínda moi afastada da media española e mesmo baixando dous puntos en relación ao anterior. Ou noutras palabras lemos menos e pouco semella importarnos.
Ben sei que as mudanzas neste eido se producen moi amodiño, mais cómpre intentar algo máis enérxico e ilusionante do que se ven facendo até agora. Mañá, con seguridade, nos xornais impresos aparecerán as lamentacións habituais sobre a nosa triste indixencia lectora. Podemos considerar esta situación como algo irreversible, como un xeito de condición identitaria que asumimos fatalmente?
Levo moitos anos tratando de negar ese determinismo; máis aínda, creo que na cuestión do fomento da lectura non podemos perder a oportunidade histórica que temos entre as mans. Para iso cómpre asumir esta cuestión como o eixo de todas as nosas políticas culturais, educativas e de igualdade. E para iso precisamos traballar con moita convicción sobre tres piares: o primeiro, o da creación dunha atmosfera lectora no conxunto da sociedade (lectura para todos, sobre todos os soportes e sobre a maior diversidade de formatos e tipoloxías textuais); o segundo, o da revolución bibliotecaria, transformando as bibliotecas na primeira institución cultural de cada comunidade local; e o terceiro, converter de forma efectiva a lectura no eixo transversal do ensino non universitario e a biblioteca escolar, na aula primeira de cada centro escolar.
Sei que nestes dous últimos anos consolidáronse experiencias moi interesantes, sei que se están facendo algúns esforzos moi notables, mais sei, tamén, que non abondan estas experiencias singulares se non as enmarcamos nun modelo de mobilización lectora impulsado por todas as administracións, polos axentes do sector do libro, polas empresas, asociacións e, sobre todo, pola participación cidadá. Eis o noso reto para poder saír nalgunha ocasión dos postos de cola onde continuamos.
Actualización: (08-02-2008): Faro de Vigo, La Voz de Galicia,
Permítame a brincadeira de afirmar que a falla de transportes públicos cómodos e eficientes alonxa aos posibles lectores dun lugar preferencial para a lectura. Os metros de Barcelona e Madrid son os lugares onde máis se le.
En todo caso, e xa (máis) en serio, é ben importante a cifra de Madrid, máis de 14 puntos de diferencia con respecto a Galicia.
Non hai política de bibliotecas, nin das vellas nin das novas.
Pasei o outro día pola plaza de Lesseps en Barcelona diante dunha biblioteca nova, luminosa e ben discreta, onde podían verse os xubilados, os estudantes e todo tipo de xente tras o cristal diáfano consultando xornais, internet, estudando apuntes. O que máis me chamou a atención foi a extrema visibilidade desa biblioteca, aberta completamente como un vello ateneo no medio medio da cidade: Biblioteca Jaume Fuster