Frankfurt 2010/3
A de onte foi a xornada da presentación en Frankfurt da Anthology of Galician Literature de Jonathan Dunne, coeditada por Galaxia e Xerais. O acto resultou entrañable, sobre todo cando Dunne rematou a súa intervención en inglés lendo a súa magnífica tradución da «Letanía de Galicia» de Uxío Novoneyra. Porén, a propia fasquía do acto amosa o escaso peso da nosa edición e da nosa literatura a nivel internacional. Precisamos un grande acordo intersectorial sobre cal debe ser o posicionamento estratéxico da lingua, literatura e edicións galegas no mundo. Sen contar con este guieiro estratéxico, moi dificilmente poderemos continuar con algunha garantía de éxito o camiño de internacionalización iniciado polos editores de álbums infantis. Sigo crendo nas posibilidades que podería ofrecer a creación dunha Oficina da Lingua e Literatura Galega como entidade (pública privada) que xestionase e actualizase os recursos electrónicos dispoñibles e promovese a participación nas feiras do libro, misións comerciais ou congresos especializados de editores, autores, tradutores e axentes literarios galegos. Unha idea que non debería desbotarse para non perder outra lexislatura.
Aproveitamos a tarde para manter un encontro cos responsables da Oficina Danesa de Literatura (un modelo a emular, como o da oficina irlandesa, a xaponesa ou a taiguanesa) e de paso coñecer algunhas das novidades do pavillón 6. Camiño do encontro comprobamos a expectación que continúa creando no público alemán Gunter Grass, na conversa que mantiña no sofá azul da cadea 2DF. Outra mostra do interese dos medios de comunicación, sobre todo das emisoras de radio e televisión, por esta feira, vivida como un acontecemento gozoso polo público alemán, Unha envexa!
A importancia que os editores escandinavos conceden á visibilización dos seus autores e autoras continúa sendo un elemento diferenciador desta edición marcada polo seu afán de literariedade, non exento de interese comercial, eis o éxito de Siteg larsson ou dos fenómenos da novela criminal nórdica. Un camiño que os editores galegos poderiamos emular con facilidade.
Chamou tamén a miña atención a exposición fotográfica Book Faces 2009 que recolle fotografías con editores de todo o mundo que elixiron unha palabra para representar a situación actual. Moi interesante para detectar tendencias sobre cos camiños disrutivos da edición internacional.
Rematamos a xornada (xa moi derreadiños) cun encontro no espazo expositivo de Brasil, cada edición máis potente e visitado, amosando que aí é onde pode residir o noso maior potencial futuro. Óscar Yáñez, editor galego de Gourmand, deixounos información sobre os premios a publicacións gastronómicas e o anuncio da celebración do Paris Cookbook Faire do 3 ao 6 de marzo de 2011. Velaí outro vieiro para explorar, o das feiras especializadas.
Seguirei os pasos dese proxecto de oficina. Estábame tardando …
Aínda que creo que ben podería ser unha póla de http://www.newspanishbooks.com (UK DE FR)
cando menos nun principio, ata que asentase o proxecto.
E ese proxecto, do que fala o comentario anterior, non existía xa, non como unha póla senón coma unha arboriña? http://www.galicianbooks.com/