Feijoo declara a guerra lingüística nos centros educativos
Esta noticia, publicada hoxe por Faro de Vigo, confirma os nosos peores agoiros: o presidente Feijoo declara a guerra lingüística por medio dunha circular que será enviada a todos os centros educativos non universitarios de forma inmediata. Esta circular, que parte dunha orde enviada polo propio presidente á Inspección Educativa (u-las competencias do conselleiro de Educación?, un feito inédito, do que descoñecemos precedentes), proporcionará instrucións para asegurar a «liberdade para elixir o idioma tanto aos profesorado como ao alumnado». A medida foi anunciada por Feijoo nunha entrevista á cadea COPE (outro feito relevante), o que constitúe unha mostra moi clara de que a súa pretensión coiuntural é conformar aos sectores máis conservadores do seu partido e dos sectores galegófobos que o apoiaron durante a campaña electoral. A circular constitúe un xesto político de urxencia que anuncia a determinación do presidente Feijoo por derrogar o decreto de fomento do galego para o vindeiro curso. Magoadamente, a de hoxe será primeira medida institucional que ao longo de todo o período autonómico supoña un retroceso para o estatus do idioma galego no sistema educativo. En canto coñezamos os contidos da circular poderemos valorar as consecuencias que terá no funcionamento dos centros e nas competencias do profesorado. Unha noticia transcente que nos entristece e moito nos magoa.
Desde hoxe, nin un paso atrás. Toca a protesta continua.
Ás armas!!!!!!!!! Exerzamos a nosa lexítima defensa!!!!!!
Si que é unha mágoa que se intente disimular unha actitude talibanista contra o galego apelando á liberdade persoal. Todos os que falamos galego e temos fillos no ensino non universitario estamos na obriga de chamar aos directores dos nosos respectivos centros para exigir que os nosos fillos sexan educados en galego, apelando tamén á nosa liberdade persoal.
Hai barreiras que un presidente non debería traspasar por risco de ser considerado un traidor ao seu país.