Dous autos: Garzón e Varela
Fálase moito do auto do xuíz Baltasar Garzón polo cal foi procesado pola Sala 2ª do Penal do Tribunal Supremo. Non está de máis ler esta peza xurídica (pode baixarse en pdf aquí) que constitúe, tamén, unha admirable síntese histórica da brutalidade represiva do franquismo. O texto e os seus fundamentos poden compararse cos rebatidos nestoutro (tamén aquí en pdf) do maxistrado Luciano Varela, tras admitir a querela presentada por Falange Española, auto polo que Garzón é acusado de prevaricación. Dous textos que admiten un interesante comentario de textos (crítico e comparativo).
Interesantísimos documentos. Non estaría de mais escoitar aos últimos alumnos que tivo Luciano Varela nas súas clases de dereito procesual na Facultade da USC, por se lembraban as opinións públicas que Varela facía de Garzón. Ao mellor poderían ter dado pe a unha recusación.
A miña modesta tese é a seguinte: a) a Audiencia Nacional é un organo estrano no ordenamento xurídico: un anacronismo de difícil xustificación; b) dito o cal, a min paréceme razoable que a Audiencia Nacional investigue as denuncias sobre desaparicións no franquismo; c) 114.000 persoas “desaparecidas”, é dicir corpos (osos) en cunetas, estradas e campos ao redor de cemiterios: benvidos ao terceiro mundo; d) sen entrar en calificar a Garzón ( a algúns caeralles mellor e a outros peor) o que lle están a facer é unha iniquidade.
Ao final Garzón vaise converter nun heroe, nun novo mártir (incruento, afortunadamente) de Falange e duns colegas que tiñan contas pendentes con el.