"Cólera" de María Xosé Queizán
Hoxe presentamos Cólera, o máis recente poemario de María Xosé Queizán. Durante o acto proxectarase un vídeo de 45 minutos, preparado por Manuel Forcadela, que recrea con imaxes, testemuños e músicas seis dos poemas do libro.
Cólera é a memoria orgullosa dunha xeración que rememora un proceso histórico clave na conformación do tempo presente. Empregando a emotividade que proporciona a paixón poética, a autora loa á mocidade galega que iniciou o galeguismo político de posguerra e se mobilizou para derrocar o réxime do tirano. Polo poemario discorren acontecementos políticos e sociais decisivos dunha década (a que vai dende mediados dos sesenta ao inicio da Reforma Política): a formación do Consello da Mocidade, o 25 de xullo de 1969, Castrelo de Miño, Ferrol 10 de marzo de 1972 ou as Encrobas. Mais tamén, polo libro discorren elexías ao Che Guevara ou a Frantz Fanon, figuras que serviron de referentes ideolóxicos a esta xeración. Ademais doutros poemas que constitúen homenaxes explícitas a protagonistas daquel tempo de entusiasmo, confrontación, dor e represión, como os dedicados a “Carmiña” (“Testemuñas os anos dunha loita / de terra e tempo”) e a Reimundo Patiño, por só citar algunha destas pezas.
María Xosé Queizán, como xa fixera noutras ocasións, emprega o poema como rexistro ensaístico, fuxindo do intimismo e verquendo toda a súa intencionalidade social humanista para conseguir un poemario inusualmente comprometido e irado no contexto da poesía galega actual. Eis o título, rotundo, provocador e luminoso como metáfora daquel tempo onde agromou, con tanto esforzo, a esperanza da liberdade.
“Son unha escritora social, non me gusta mirar o embigo”
http://www.vieiros.com/nova/59213/ldquo-son-unha-escritora-social-non-me-gusta-mirar-o-embigo-rdquo
¡¡¡¡¡Un video de 45 minutos de Forcadela!!!!!!
Magnífico, vídeo. Foi longamente apludido na presentación.
(…) a autora loa á mocidade galega que iniciou o galeguismo político de posguerra e se mobilizou para derrocar o réxime do tirano.
Franco morreu na cama, non se esqueza, señora Queizán. A xerazón nacida na democracia botállo en cara á esta xerazón á que loa…
Noraboa por ese libro. Teño moitas ganas de mercalo. É unha das miñas autoras favoritas en vida. Seguro que promete.María Xosé é unha muller moi comprometida coa sociedade e as inxustizas.
Saúdos