Coda
Ben sei que diante desta noticia, escasa relevancia ten xa o rebumbio no que participei esta semana, amortizado na conta do inventario do xogo político institucional. Nunca neguei que recibín un xeneroso ofrecemento por parte de Anxo Quintana e de persoas da súa confianza para optar a encabezar a lista viguesa do BNG. Unha proposta que moito me honrou e que, como xa expresei, non podo máis que agradecer polo seu carácter arriscado tratándose dun nacionalista que non militou nunca no BNG. Aínda que ben saben as persoas que me coñecen que nunca tería aceptado participar en candidatura ningunha en calidade de “independente” (condición na que non acredito), xa que sempre defendín os partidos como as entidades que organizan a participación política dos cidadáns no ámbito democrático. Razóns de carácter estritamente profesional, fundamentadas nunha profunda convicción moral, decidíronme a comunicar que declinaba o ofrecemento o pasado mércores á noite, tras unha desafortunada filtración xornalística que na tarde do martes coincidiu coa celebración do Consello Local do BNG vigués. Aí acabou, no que a min me atinxe, todo conto; o resto foron especulacións xornalísticas e algunhas intoxicacións que, inevitablemente, acompañan este tipo de situacións nunha cidade como a nosa.
A pesar dalgún desgusto que me amolou, o rebumbio desta semana axudoume, tamén a min, a repensar e reflexionar sobre moitas cuestións. A nivel profesional, permitiume, tras máis de trece anos á fronte da editorial, revalidar o meu compromiso diante do cadro de traballadores e traballadoras, para acometer corresponsablemente nos próximos tres anos un ambicioso plan de edición educativa, en contextos tan adversos e desfavorables como os sinalados pola nova reforma curricular e por unha modalidade de préstamo que sitúa a todas as empresas do subsector escolar ao bordo do abismo. A nivel persoal, tamén, foi emocionante para min, recibir estes días o apoio dos membros da miña familia, dos meus compañeiros e compañeiras do chollo, de numerosísimos autores, xornalistas, blogueiros e tantas outras persoas que me colmaron de mimos e agarimos que non saberei como agradecer. A nivel político, a experiencia axudoume a coñecer mellor o proxecto de renovación e modernización da cultura política nacionalista que con determinación están encabezando Anxo Quintana e Ánxela Bugallo (moitas grazas, Ánxela). Un proxecto moi esperanzador do que me sentín próximo e no que me gustaría poder colaborar que, inevitablemente, máis cedo ou máis tarde, irá enchoupando como a poalla ao conxunto das agrupacións locais nacionalistas.
Que fermosas últimas frases.
Manolo, ti coñeces ben os proxectos ilusionantes do BNG e en que acaban todos (o que coñeces máis de preto seguro que é aquel que acabou -con foguetes de feira incluídos- con aquel proxecto ilusionante que foi EG).
Vai sendo hora, coido eu, de ir pensando se a cousa non será mais ben estructural ¿non si?. Se cadra, o que hai que ir facendo é deixar de colaborar nesa espiral, para ver se así se van empregando as enerxías deste país -tan abandoadas en variadas cunetas- nas cousas realmente importantes.