Público


Mañá aparecerá Público, o novo xornal madrileño dirixido polo veterano blogueiro Nacho Escolar e vencellado ao grupo da Sexta. Custará 0,5 cents (os domingos 1 €). Recomendo a lectura da transcrición do chat co director que reproduce xornal.com, na que se presentan moitos dos criterios do novo xornal. Paréceme esperanzador que exista competencia para El Pais. Non anuncia ningún vencello con Galicia, coa excepción da colaboración de Julián Hernández e a presenza do xornalista Manolo Rico como responsable de Política.
Etiquetas:

Smirnoff

Grazas a Manolo Gago puidemos recuperar este anuncio de Smirnoff sobre os océanos. Eis as posibilidades narrativas da publicidade condensadas nun minuto. A verdade que tamén hai outros trailers publicitarios deste vodca (de duracións e calidades visuais moi diversas) que pagan a pena lembrar.
Etiquetas:

Concelleiros de Urbanismo


O programa Vaya semanita da ETB ten algunhas pezas ben simpáticas. Un modelo (ben podería emulalo a TVG) de como é posible dende as televisións públicas facer humor sobre temas políticos. Os que teñan TDT de R poden velo en Galicia na canle internacional da ETB os sábados. Esta peza sobre “o escaso valor das bibliotecas”, como tantas outras, paga a pena.
Vía Vigoblog.
Etiquetas:

Book trailer VII

A primeira experiencia de book trailer dun libro galego foi a d’ O home inédito, a novela de Carlos G. Meixide que publicou en formato electrónico A Rotonda edicións (tamén a primeira en galego en formato Creative Commons) e, logo, en papel, Rinoceronte. Tamén poden considerarse como book trailers os anuncios de televisión que preparamos o pasado ano en Xerais das novelas de Suso de Toro e Rivas, así como os espazos de Planeta Fantasía de promoción e libros de literatura infantil.
Etiquetas:

Book trailer VI

Non hai dúbida de que Tökland é o espazo en español máis inquedo e interesado sobre a promoción do libro empregando as ferramentas audiovisuais. Ao fío da nosa revisión sobre o fenómeno dos book trailer (ou video books) recordaban onte un book trailer que realizaron a iniciativa de Javier Celaya sobre La aventura ambigua, publicado por Elipsis ediciones. Pareceume excelente, convida a ler o libro. Outro modelo interesante.
Etiquetas:

Book trailer V

Na revisión que vimos facendo das experiencias dos book trailers non podía faltar a dos livroclips que promove o Canal do livro brasileiro e da que xa temos dado noticia. A pesar de que esta é unha experiencia máis modesta cas producións canadianas ou italianas, é moi atractiva, como se pode comprobar nestas pezas sobre A metamorfose ou nestoutra sobre Crime e castigo. Cun orzamento máis baixo, mais con talento creativo poden conseguirse, tamén, magníficos resultados.

Etiquetas:

Book trailer IV

Este book trailer da novela Shadow man de Cody McFadyen (editada por Bantam) recibiu o premio ao mellor book trailer (ou book video) do ano 2006. Repárese en que o editor enlaza con you tube o visionado do book trailer.

Etiquetas:

Book trailer III

Tan interesantes como os de Harper Collins Canadá son os book trailer italianos. Esta produtora edítaos para Mondadori, Feltrinelli ou Fazi editore. Un dos mellores de todos eles é este de Il totem del lupo, o libro de Jian Rong.
Etiquetas:

Book trailer II

O de Coraline, o libro de terror para nenos de Neil Gaiman, é un dos book trailer máis bonitos que coñezo. Chama a atención que o libro como tal case non apareza, coa excepción das ilustracións de David Mckean. Un caso ben diferente é o dos book trailers que publica Harper Collins Canadá, nunha liña máis publicitaria, xirando moi decididamente arredor do libro como obxecto. Eis o caso do realizado sobre o último libro de Tolkien ou destoutro sobre Londostani de Gautam Malkani. Nos tres casos, non se empregan voces en off e son as imaxes, a música e os textos os que marcan o ritmo da narración. Ten interese ver, tamén, o realizado sobre A bruxa de Portobello de Mario Coelho (onde a narración oral é clave) ou as dúas versións de The continuity girl, a de peto (máis breve) e a da primeira edición (moito máis extensa e atractiva). Deixo para o remate o meu preferido, que anuncia a aparición en rústica da serie de Lemony Snicket.
Etiquetas:

Book trailer I

Cada vez estou máis interesado en explorar o fenómeno do book trailer, como unha ferramenta de promoción do libro e a lectura na rede. Hai pezas moi interesantes (auténticas curtametraxes) que convén ir identificando para o arquivo. Aí van os de Matilda do mestre Dahl e o de Hot ice.


Etiquetas: