Miguelanxo Prado, Industria, 2004
Á primeira hora da mañá atopo na caixa de correos este agasallo de
Miguelanxo. A providencia laica prometía que hoxe sería un día de
clásicos. Ao mediodía viaxo con
Agus a
Teucro para atoparnos con
Mariasun e logo visitar o Salón do Libro Infantil. Conversamos sobre libros e, inevitablemente, sobre o
debate (que nos estabamos perdendo). Coñecemos moi pouco os termos do conflito vasco, quizais, porque a información que recibimos sobre o asunto procede dos medios madrileños e está sempre contaminada pola lamentable violencia de ETA.
Os clásicos centran este ano un Salón, outro ano máis, expléndido e ateigado de actividade e fantasía. Hai moito que ver. Gustei, sobre todo, da exposición
Can de palleiro, preparada polos membros da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (
AGPI); o noso humilde canciño en máis de trinta interpretacións (sorprendentes e divertidas). Longa vida para o noso can máis caseiro!
Este salón de Teucro é unha illa pirata de liberdade. Organizado con grande esforzo pola concellería de cultura e por un grupo de profesionais da animación á lectura conta cos medios xustos (non ten subvención ningunha da Xunta). Creo que a imaxinación e a creatividade desbordada, un programa moi variado e multidisciplinar, a participación dos centros escolares son algúns dos ingredientes do seu éxito e do seu crecemento continuo. Se fose organizado en Cataluña ou en Italia, ocuparía durante toda esta semana as primeiras páxinas dos xornais e das televisións. Péchase o sábado cunha homenaxe a
Neira Vilas e
Anisia Miranda. Alí estaremos con eles. Quen poida achegarse ata Teucro, non debería perdelo.