Promoción editorial en Internet

Hoxe rematamos o módulo de “Promoción editorial e edición en Galicia” que levamos impartindo no Máster de Edición. Como xa sucedera o pasado ano, esta experiencia docente obrigounos a sistematizar e reflexionar sobre o traballo cotián e sobre a nosa propia concepción da edición cultural. Como remate das nove sesións, traballaremos na aula de informática sobre a promoción editorial en Internet, un eido cada vez máis importante: se o libro non está na rede, non existe? O repaso de catálogos editoriais electrónicos galegos, os sistemas de presentación de novidades, os novos soportes publicitarios na rede, a nova crítica literaria electrónica ou os blogs sobre edición e lectura serán, entre outras, iniciativas que visitaremos..
Etiquetas: ,

Cultura e liberdade


Estes días no Master de Edición, onde impartimos o módulo de Promoción editorial e edición en Galicia, intentamos expresar o noso convencemento de que unha das función do traballo promocional dos editores é o de fomentar a lectura e os valores da cultura do libro.
Vía Txetxu atopo estes marcadores de Elkar, un bo exemplo deste tipo de traballo que, sen estar vencellado á promoción comercial específica de produto ningún, porén amosa o imaxinario procurado polos editores. En Galicia esta foi unha estratexia que empregamos máis na década dos anos noventa que hogano. As nosas campañas de “Facer lectores”, “A forza dos lectores” ou dos “Dez consellos para escoller un libro infantil” (tamén sobre o soporte dun marcador de lectura) asumían ese enfoque.
O fomento da lectura (como o do uso da lingua) non é unha responsabilidade que lle corresponda en exclusiva ás administracións públicas. A corresponsabilidades de todos os membros do sector (editores, libreiros, bibliotecarios, medios de comunicación e dos propios lectores) é indispensable para obter resultados. Por esa liña aposta o agardado Plan de lectura e a Lei do libro que o Goberno galego presentará a trámite parlamentario nos próximos meses (sempre que, e xa van meses e meses de adiamentos, o Consello Consultivo da Xunta emita o seu preceptivo ditame).

Etiquetas: , ,

Expendedoras de libros

Vía Extratexto atopo esta máquina expendedora de libros que funciona en Chile. Unha vella idea de Celia Torres que nunca conseguimos poñer aquí en marcha. Funcionará este sistema? Onde deberían ubicarse estas máquinas? Nos hospitais, nas estacións do tren, nos aeroportos, na rúa…?

Etiquetas:

Libros á rúa

Sabía desta veterana campaña Libros a la calle promovida por editores e libreiros madrileños (dende hai oito anos), e apoiada por empresas de transportes públicos e administracións da Comunidade e Concello de Madrid. A presenza e a calidade da de 2004 é mellor do que agardaba: en cada vagón do metro ou en cada autobús aparecen pegadas páxinas ilustradas (tamaño A-4) de diferentes fragmentos literarios de máis dunha decena de autores. “Non te quedes na primeira páxina“, “Ler fainos felices (e máis libres)“, “Ningún día sen poesía” son reclamos para achegar a lectura aos usuarios do transporte público, que no seu traxecto poden ler anacos de textos de Ángel González, Galeano, Luis Mateo Díez ou Ignacio Martínez de Pisón, entre outros autores. Son consciente das limitacións destas campañas publicitarias, só unha pequena parte dos Plans de Promoción da Lectura; porén, creo que son imprescindibles para visibilizar o libro na sociedade e para desmontar o prexuízo de que a lectura é unha actividade que require espazos especializados. Sen dúbida, non hai lugares mellores que outros para ler; cada cidadán debe poder exercer o seu dereito á lectura onde mellor considere (no metro, no autobús, no parque, no café…).
Teño insistido en que este tipo de campañas de promoción popular da lectura deberían ser emuladas en Galicia. O seu custe non é moi elevado, a implicación das empresas privadas e das administracións públicas sería un modelo que proporcionaría prestixio ao libro galego, e, por riba, a repercusión social sería, seguramente, moito máis grande da agardada. Libros galegos á rúa.

Fast book

No Portal Literal, un sitio brasileiro sobre libros que visito con frecuencia, atopo un artigo sobre a utilidade da mercadotecnia no mundo editorial. Valor de mercado e valor literario son categorías antagónicas?, cales son as relacións entre a literatura e os produtos editoriais?, como diferenciar o ouro da ganga? Preguntas as que este interesante texto intenta responder.
No mesmo sitio pode accesderse á blogesfera literaria brasileira.

Biblos

Biblos, o clube de lectores en lingua galega, cumpre hoxe dous anos. É esta unha proposta cultural orixinal que merece ser apoiada, tanto pola calidade dos servizos que ofrece (revista e web, especialmente), polas súas ofertas e descontos, como pola orixinalidade das súas iniciativas. Tucho e Carmela foron deseñando amodiño unha liña de edición, a colección Mandaio, que constitúe tamén unha das iniciativas editoriais galegas recentes máis suxestivas e coidadas. Parabéns polo seu segundo aniversario e longa vida para esta semente de palabras de esperanza.