"Cardume" de Rexina Vega

Cardume de Rexina Vega foi a novela gañadora do Premio Xerais 2007. O texto da información que preparamos foi o que reproducimos:

Cardume presenta a historia familiar e persoal dos sobrevivintes a un tempo caótico, doloroso e triste; a un tempo aberto polo eclipse da República e dos seus ideais. A xuízo do xurado do Premio Xerais, faino dunha maneira certeira e sen vitimismo. A novela retrata un Vigo industrial e atlántico, simultaneamente cosmopolita e provinciano, que é crisol de personaxes que evolucionan, que se relacionan e que medran, e que, en definitiva, logran subsistir ás miserias dunha cidade desacougante.
A narradora comeza a relatarnos a historia no espazo murcho e desalentador do cemiterio civil de Pereiró, partindo do presente para evocar a memoria familiar. Dese xeito logra a caracterización dun período de tempo moi longo que retrata boa parte do século XX a través de varias xeracións, soprendéndonos coa recreación de atmosferas políticas, familiares, industriais, culturais, e retratos da emigración daquela época convulsa que deixou unha pegada imborrable nas persoas que a viviron.
O xurado resaltou tamén “a capacidade expresiva da novela a través dunha lingua poética e metafórica que evidencia unha clara vontade estilísitica”. Cardume reivindica a memoria, a insistencia na memoria como conformación da identidade do presente. “Eu só quixera prolongar un pouco máis a permanencia, atrasar o devalo destas vidas menores”, afirma a voz narradora da novela.
Rexina Vega, cando soubo que a súa obra fora premiada, declarou que “esta é unha primeira novela, una primeira novela serodia, que chega cando xa vai fóra a mocidade. Este libro está escrito mentres os nenos, os meus nenos, dormían. Desde que teño uso de razón quixen ser escritora e tardei moito, tanto que crin que ese desexo ía apodrecerme dentro. Quixen probarme por fin na escritura de ficción, liberarme das trabas da eséxe, do saber institucional ao que estaba afeita na escritura da crítica e do ensaio, e deixei, por primeira vez, que a escritura fose algo libre e gozoso, un discurso non vicario”.
Con respecto a novela gañadora definiu Cardume, banco de peixes, como “un álbum de recordos novelados, un libro feito de memoria e de reescritura da memoria. Combinando información e invención, a novela pretende establecer unha autobiografía a través da reconstrución de persoaxes aos que só se coñece por medio dos relatos familiares. Trátase da busca de sentido á propia vida a través da recuperación dos fantasmas do pasado; e tamén da historia da transmisión da memoria dos vellos aos novos, da relación desesperada e urxente entre a vellez e a infancia”.


Rexina Vega é doutora en Filoloxía Románica coa tese Bilingüismo e autotradución en Álvaro Cunqueiro. Sobre este autor ten publicados numerosos artigos e estudos, entre os que salienta Álvaro Cunqueiro. Unha poética da recreación, premio Carballo Calero de investigación. Durante os anos noventa exerceu a docencia na área de filoloxía galego-portuguesa na Universitat Autònoma de Barcelona. Desde este ámbito desenvolveu unha intensa actividade de divulgación da cultura galega na sociedade catalá. Exerceu a crítica teatral na revista El Público e a crítica literaria para, entre outras publicacións, Quimera, Anuario de Estudos Galegos, Grial ou A Nosa Terra. Dentro do eido da lexicografía, ademais da publicación de artigos teóricos no Instituto Cervantes e en actas universitarias, traballou como redactora de numerosos diccionarios bilingües da editorial Larousse e no Diccionario Vox galego-castelán. É premio Sthendal, e finalista do premio nacional de tradución, pola obra de Georges Perec El secuestro. Responsabilizouse da edición dos artigos ensaísticos de Suso de Toro publicados por Xerais baixo o título Ten que doer. Literatura e identidade. Actualmente é Profesora asociada do departamento de lingua española na Universidade de Vigo e profesora de lingua e literatura galega no Instituto San Tomé da mesma cidade. Cardume é a primeira incursión na creación literaria desta autora.

Vídeo: O blog dos pelachos.

Premios Xerais: a colleita 2007

Falaremos de vagar do serán de onte. Como xa é adoito, embarcamos baixo os efectos euforizantes do efecto pedramol (ese ventiño mareiro tan característicos das tardes no fondo da ría) e atracamos á noite acougados e moi satisfeitos. O acto foi ben xeitoso: Xavier (a estrela da festa), xenial! e o discurso de Teresa, marabilloso! Logo a festa e o convivio moi entrañables. Beizóns para todos os amigos e amigas que acudiron ao noso chamado!
Hoxe son numerosas as primeiras referencias na prensa dixital:

Días estranhos, O levantador de minas e o blog dos pelachos publicarán crónicas audiovisuais do abondoso material que gravaron.

A vida despois do Xerais

Faro de Vigo agasállanos no día do fallo dos nosos Premios con esta reportaxe.

Teresa Moure e Xabier Blanco nos Premios Xerais 2007

Teresa Moure e Xabier Blanco, o gaiteiro de Moaña, serán os dous artistas que participarán no acto de entrega dos Premios Xerais 2007 que se celebrará mañá na illa de San Simón.
Xabier interpretará cos seus instrumentos pobres tres temas: “Mata o porco Pepa” (vasoira e cazo), “Moendo” (gaita de cana) e “A miña roseira” (tubela, táboa de lavar e dedais).
Pola súa banda, Teresa lerá un discurso titulado “O carácter revolucionario da escrita e das palabras” do que recollemos apenas un parágrafo:

As palabras fermosas, como pexego, independencia ou liberdade, gardan intacto na súa musica o feitizo da suavidade e da rebeldía. As veces, as palabras amoréanse con fortuna, como cando cantan “Brindo polo amor e aposto polo verso” nesa ben-dita conxunción que coseu Ana Romaní. Porque, ante a nosa sorpresa, as palabras son quen de se amalgamaren até compoñer unha substancia tersa, melodiosa, menos tristeira e máis emblemática que a etimoloxía que lles deu a orixe, unha substancia anovada que, logo dun poderoso cambio químico, faise caldo, faise masa de comer, faise texto… e arde mal.”

Etiquetas: Premios_Xerais_2007

Premios Xerais 2007, os finalistas

Hoxe demos coñecer os finalistas dos tres premios. No Xerais de novela serán “Cardume”, “A perspectiva desde a porta” e “Un sábado longo”; no Caixa Galicia de literatura xuvenil, “Da illa”, “Illa soidade” e “Jonathan é un delfín”; e, por último, no Merlín de literatura infantil, “Carabranca”, “Minimaladas” e “Mácara Nácara”. Sorte para todos!

Etiquetas: Premios_Xerais_2007

Xesús Manuel Marcos, Premio Terra de Melide 2007

Anunciouse hoxe o fallo do Premio de narrativa Terra de Melide 2007 no que participei como membro do xurado. A novela gañadora, A lúa dos everglades de Xesús Manuel Marcos, é un thriller cheo de intriga no que amodiño van converxendo tres historias moi emocionantes, aparentemente sen vencello entre elas, dos membros dunha mesma familia de emigrantes galegos que viven no Barrio Belgrano de Bos Aires, Miami e Madrid. Tres historias de saudades e soidades, tres relatos de exilios emocionais e sentimentais escritos nunha prosa engaiolante con enorme alento narrativo. A novela será publicada por Xerais no vindeiro mes de outubro, coincidindo coa ds Premios Xerais (dos que anunciaremos as obras declaradas finalistas polos tres xurados o vindeiro luns día 4).

Premios Xerais 2007, os xurados

Hoxe demos a coñecer os nomes dos xurados dos Premios Xerais 2007. A primeira reunión para determinar os finalistas celebrarase o 1 de xuño e o fallo definitivo o día 9, na illa de San Simón, como nas dúas últimas edicións. Teresa Moure será a mantedora literaria e Xabier Blanco o gaiteiro que interpretará varias pezas durante a velada.

Certame de micronovela

Esta tarde presentamos as bases dun novo premio literario, o I CERTAME DE MICRONOVELA “CONCELLO DE SOUTOMAIOR”. Que eu saiba este é o primeiro certame especificamente dirixido un xénero narrativo que proporcionou froitos moi logrados para a literatura galega. As obras terán unha extensión mínima de 35 folios e máxima de 60, escritos a dobre espazo, en fonte Arial e corpo 12. O prazo de presentación rematará o 30 de novembro e a dotación económica é de 2.000 € para o primeiro premio e de 1.000 € para o segundo. Enviar orixinais a: Casa do Concello de Soutomaior. Rúa Alexandre Bóveda nº 8. CP 36691. As obras gañadoras serán publicadas dentro do catálogo de Xerais.

Agustín Fernández Paz e Xan López Domínguez, candidatos ao premio Astrid Lindgren 2008

Agustín Fernández Paz (como autor) e Xan López Domínguez (como ilustrador) serán os dous candidatos que presentará a OEPLI ao Premio Memorial Astrid Lindgren 2008, outorgado polo goberno de Suecia.
Hoxe Galix anuncia nunha nota de prensa esta extraordinaria noticia que supón o recoñecemento da excelencia internacional da nosa literatura infantil e xuvenil.

"Os libros arden mal", premio AELG

Os libros arden mal recibiu onte o seu sétimo premio, o da AELG.
A velada de entrega destes premios, concedidos polos escritores aos seus colegas, resultou moi entrañable e moi ben levada, con enorme elegancia e moito ritmo, por Cesáreo Sánchez Iglesias e Mercedes Queixas. Beizóns para eles dous e o seu equipo.
Especialmente emocionante foron as palabras de Pepetela, que recibiu o “premio de escritor galego”. Ao remate da noite soubemos dunha noticia extraordinaria que, agardo, poidamos anunciar nos próximos días.

Etiquetas: AELG