"Unha lectora nada común"
/en Lectura, Narrativa, Novidades/por bretemasUna lectora nada común, a noveliña de Alan Bennet, é unha fábula coa que me divertin un pedazo. Qué sucedería se os políticos, neste caso a raíña Sabela de Inglaterra, se convertesen en lectores voraces? Esta comedia sen grandes pretensións propón unha reflexión sobre o poder subersivo dos libros literarios, da lectura e da escritura, e, en xeral, de todas as artes. Inevitable imaxinar qué sucedería se os nosos políticos adoptasen un comportamento semellante. Un texto de ficción interesante sobre o valor da lectura. Recoméndoa, lese nunhas poucas horas. Unha lectura suave de verán.
Ler novelas aumenta as habilidades sociais
/en Lectura, Narrativa/por bretemasSegundo un estudo realizado por un grupo de psicólogos canadianos ler novelas aumenta as habilidades sociais. Segundo este traballo empírico os lectores e lectoras de novelas adquiren novas habilidades sociais e melloran, grazas á lectura, ás que xa posúen. Como sinalan no blog ediciona, sexa certo ou non, sempre é bo contar con outro argumento a prol da lectura.
"Festina lente", estrea en Compostela
/en Autores, Entrevistas, Narrativa, Presentacións, Xerais/por bretemasOnte acompañamos a Marcos Calveiro na primeira presentación de Festina lente, realizada no obradoiro de encadernación da Libraría Couceiro compostelana. Hoxe aparecen catro entrevistas nos medios nas que Marcos salienta o valor dos libros como poderosas armas de coñecemento contra a intolerancia e o carácter da novela como fresco histórico da Compostela dacabalo dos séculos XVI e XVII. As primeiras referencias de lectura que estamos recibindo son inmellorables, na liña da nosa intuición. Seguiremos presentando a novela na Feira do libro de Vigo, no Festigal e na Feira do libro da Coruña.
Aconsello visitar o blog da novela.
"Festina lente"
/en Narrativa, Novidades, Xerais/por bretemasHoxe recibimos está novela de Marcos S. Calveiro. Intúo que vai dar moito, moito que falar. Só anticipo que estamos diante dunha marabilla. É un grande orgullo que forme parte do noso catálogo. Beizóns Folerpa!
Sinto que os impacientes teñan que agardar ata a vindeira semana, na que chegará ás librarías.
Febre nas bancadas
/en Fútbol, Narrativa/por bretemasAnagrama acaba de lanzar en Panorama de narrativas Fiebre en las gradas, unha nova edición do primeiro libro do meu admirado Nick Hornby, o narrador que mellor escribe de fútbol dos que coñezo. Estas son as memorias dun seareiro do Arsenal, desque o seu pai o levou, con apenas once anos, ao estado de Highbury e comprobou que “o espectáculo en forma de dor era un concepto totalmente novo” para el. O libro é moi divertido e melancólico, aínda que queda un pouco desfasado (publicouse en 1992), cando aínda non chegara ao clube londiniense Arsene Wenger nin contaban no centro do campo co xogo matemático de Cecs Fábregas. Con todo as opinións de Hornby sobre o momento actual do Arsenal poden seguirse dende o seu blog. Recomendo o libro ao meu amigo o editor e escritor Henrique Alvarellos.
"O señor Lugrís e a negra sombra", Premio da Crítica 2007
/en Autores, Narrativa, Premios, Xerais/por bretemasEstamos entusiasmados coa noticia. Dende que no mes de agosto pasado anunciamos a súa aparición crimos que O señor Lugrís e a negra sombra era unha obra das importantes. A crítica recoñézeo. Beizóns e abrazos para Luís, un dos nosos novelistas primeiros.
"Incertos" de Antón Dobao
/en Autores, Narrativa, Novidades, Xerais/por bretemasXunto coa novela de Veiga e a edición do primeiro tomo d’ O segundo sexo, a finais da vindeira semana estarán nas librarías outras novidades literarias que entendo de moito interese: Incertos, primeiro libro de relatos de Antón Dobao; Diario dun pai acabado de nacer de Henrique Alvarellos; A cultura do pan de Xosé Lois Ripalda; Obra dramática de Francisco Taxes (que inclúe dúas pezas ata agora inéditas) e outro volume dedicado ao teatro de Manuel Varela Buxán (que inclúe dúas pezas Se o sei… non volvo a casa e Taberna sen dono); Hordas de escritura o novo poemario de Chus Pato e Acendede as almenaras o poemario de Bernardino Graña. Completa esta remesa de novidades de fin de inverno con dous álbums infantís de grandes ilustradores europeos: Negros e brancos, a recuperación en galego do inesquecible conto pacifista de David McKee (o creador de Elmer, personaxe do que temos seis libros no catálogo) e Un barquiño coma min de Thomas Docherty. Con seguridade que sobre estas obras, nas que abordamos todos os xéneros, volveremos nas próximas semanas.
Adianto o texto de contracuberta que preparamos para Incertos de Antón Dobao (a impactante portada é de Fran Herbello, que consolida a súa contribución á renovación da imaxe da nosa colección de Narrativa):
Estes contos incertos de Antón Dobao apuntan ao horizonte do que non é predicible. Son trece historias nas que o extraordinario, o inesperado, acaba por se converter na marca distintiva dunhas vidas aparentemente normais. Porque nada do aparente é real e a realidade habita outras dimensións. Nestes relatos, as personaxes non son apenas monecos nas mans dun fado caprichoso, senón que tecen a súa vontade, cos seus actos, cos seus desexos e os seus temores, as encrucilladas en que se verán atrapadas as súas vidas. Para o lector, o inesperado accede en toda a súa naturalidade, con toda a crueldade, con absoluta fereza; fai agromar os recantos menos coñecidos evidenciando o principio de incerteza. Mais sobre todas estas historias aboia inevitablemente aquilo que nos caracteriza como humanos: a necesidade de comunicar, de amar, de negar a presenza imperial da morte. E as múltiples faces do poder.
"O profesor de vegliota" de Manuel Veiga
/en Autores, Lingua, Narrativa, Novidades, Xerais/por bretemasCoa que está caendo sobre o futuro da lingua, a aparición d’ O profesor de vegliota, a nova novela de Manuel Veiga, ven como anel para levar o debate ao espazo da creación cultural. A novela, que está nas librarías antes de semana santa, propón, entre outros temas, unha reflexión moi dura sobre o papel da lingua na sociedade e o seu futuro. Reproduzo o texto de contracuberta que preparei para presentala:
“Tras ser depurado e coa intención de non poñer en perigo a súa muller e a súa filla, o profesor de idioma regresa a Puebla, a súa cidade natal, na derradeira viaxe do tren arrancatravesas. En Puebla pretende ocultar os dous mecanoscritos, que conseguiu salvar tras a última incautación da súa computadora, onde recolleu as súas investigacións sobre o vegliota, unha lingua que durante un tempo chegou a ter a súa pequena idade de ouro, mais que agora desaparece irremediablemente tras a imposición da lingua oriental como a única oficial. O profesor de vegliota de Manuel Veiga é, en parte un relato policial, con ingredientes de novela de misterio e atmosfera de ciencia ficción, que se ofrece como un laio desesperado por unha perda. Unha novela impactante, talvez un ensaio sobre o futuro da lingua, sobre as posibilidades de sobrevivir sendo diferentes, sobre a identidade, sobre a resistencia e sobre as contradicións que supón esta loita.”
"A venus de cristal", presentación
/en Autores, Narrativa, Novidades, Presentacións, Xerais/por bretemasOnte presentamos na Coruña A venus de cristal, a segunda novela de Chelo Suárez. O acto foi concurridísimo, máis dun centenar de persoas, e confirmou a miña intuición de que esta novela vai constituír unha das sorpresas deste ano literario recén comezado. Foi presentada pola escritora Begoña Paz (da que publicaremos proximamente As mellores intencións, premio de novela curta do concello de Riveira).
Chelo Suárez, como o seu protagonista, o vidreiro de Murano Pietro Puliani, procura nesta novela de espírito renacentista a beleza en cada unha das páxinas. Unha historia ambientada naquela Venecia opulenta e cosmopolita do século XV onde utilizando os recursos dunha novela de intriga (con crime incluído) se propón unha reflexión sobre o fuxidío da beleza. Empregando unha prosa minimalista, sinestésica e unha estrutura de capítulos moi breves, Chelo vai mesturando o onírico co real, o vivido co soñado, a alquimia coa sensualidade, para propoñernos un ensaio sobre a beleza perfecta, que identifica, como tamén fixeron os mestres renacentistas coa inmortalidade que só se adquire por medio do coñecemento. A novela é, ademais, unha homenaxe ao mestre Boticcelli e a dúas cidades (a Venecia, filla do mar e labirinto de paixóns; e a Firenze templo da beleza serena) que emerxen luminosas construídas por palabras-laxe. Un texto interesante e de lectura engaiolante. Agardamos as primeiras críticas e valoracións dos lectores e lectoras. O éxito de presentación tan exitosa encheunos de expectativas.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
- O triángulo vermello25 de Decembro de 2024 - 11:47 a.m.
- A estrela dos afectos24 de Decembro de 2024 - 10:56 a.m.
- Solsticio celta23 de Decembro de 2024 - 9:44 a.m.
- Os Baltar18 de Decembro de 2024 - 4:17 p.m.
- AVE polo Miño17 de Decembro de 2024 - 7:05 a.m.