Suso Vaamonde: «Nin rosmar un laído»

A vindeira semana, o martes 16, hai dez anos do pasamento do inesquecible Suso Vaamonde na viguesa clínica de Fátima. Contaba apenas con 49 anos. Coñecino nun seu recital na Escola de Comercio de Torrecedeira. Un acto daqueles semiclandestinos que se convocaban para reclamar a amnistía e as liberdades democráticas plenas. O recordo máis claro que conservo daquela tarde foi o de ter mercado alí unha das miñas primeiras casetes de música galega, Loitando; unha fita clandestina que incluía, ademais de poemas de Celso Emilio, Darío Xohán Cabana e Manuel Álvarez Torneiro, a versión galega do «Venceremos nós» e o «Romance de Castrelo do Miño», unha canción con texto de Miro Casabella que Suso Vaamonde interpretaba en tódolos seus recitais como «Romance de cego de Pedro I o Inundador». Non souben gardar a gravación, que hoxe sería unha peza cobizada de coleccionista, pero dende entón conservei a miña admiración pola figura indómita do cantor de Regodobargo.

Suso Vaamonde viviu co anhelo e coa convicción de ser un cantor popular do seu tempo. Dende moi noviño participou na eclosión rockeira viguesa dos anos sesenta, formando parte de grupos como Os Copens ou Marco Balorento. No comezo dos setenta incorporouse, xunto a Benedicto, Bibiano, Vicente Araguas e Xerardo Moscoso, a Voces Ceibes, un movemento musical que tentaban derrubar, coa única arma das súas cancións «protesta», os muros que debuxaban a silueta dunha patria perseguida. Anos despois, coincidindo co inicio da Reforma Política, acometeu a tarefa histórica de recuperar a tradición da canción e da festa popular (velaí o seu impulso inicial da mellor canción tabernaria da Roda) e poñer música ós textos dos poetas de noso: Lamas Carvajal, Celso Emilio Ferreiro, Manuel María, Bernardino Graña ou Darío Xohán Cabana. Suso devolvíanos a palabra dos poetas da lingua prohibida, dun idioma de resistencia que loitaba pola súa oficialización.

Desas angueiras e do seu peregrinar constante dando recitais polo país enteiro xurdiron os seus dous discos de vinilo máis emblemáticos: Nin rosmar un laído (1977), unha das primeiras gravacións en directo da música de noso –onde foi acompañado por algúns dos membros de Fuxan os Ventos («Sementar, sementarei…») e por Pilocha («Alecrín, alecrín dourado»)–, e Os soños na gaiola (1978) no que poñía musica a dúas ducias de poemas de Manuel María, a primeira tentativa de facer música para os nenos galegos.

Suso Vaamonde cría que a súa tarefa de cantor popular («¡Cantarei, cantarei, cantarei…!», cantas veces repetiu) era a de levar os problemas e a identidade de Galicia alí onde a súa guitarra e a súa voz quebrada podían chegar. Esta convicción cívica supúxolle múltiples dificultades vitais que o levaron a converterse, xunto a Xavier Vinader e Albert Boadella, no primeiro exiliado da democracia española e, anos despois, a un inxusto encarceramento.

Suso Vaamonde nin foi un xenio musical nin posuía unhas extraordinarias calidades vocais e técnicas. Non o foi, nin nunca o pretendeu. A súa tarefa foi a do novo trovador, a do artista que emprega o pentagrama das palabras nun exercicio permanente de insubmisión para propoñer as ideas racionais de solidariedade, fraternidade e liberdade para o seu pobo. Xogando sempre coa alternancia da euforia («Uah, la, la, la…«) e da melancolía («¿Cómo hei vivir mañán sen a luz túa?»), nunha comunicación (comuñón) moi depurada co seu público, fixo da súa traxectoria artística e vital un admirable exercicio de coherencia, nun camiño de ida e volta á estirpe do seu Regodobargo natal.

O laído de Vaamonde, o folclore comprometido de Fuxan os Ventos, a voz máxica e esmagadora de Pilocha, a recreación complexa da música de raíz de Milladoiro, a zanfona de Amancia Prada, o maxisterio de Enrique Otero («O gaiteiro do Fragoso»), o labor de Moxenas e os admirables anos de traballo colectivo de Muxicas prenderon a mecha do grande estourido da música galega ao que asistimos alborozados e orgullosos durante esta primeira década do século XXI. Grazas a teimosía e o talento de todos eles, Carlos Núñez, Berrogüeto, Luar na lubre, Xosé Manuel Budiño, Susana Seivane, Na Lúa, Uxía, Marful, entre outros moitos músicos, presentan en todo o mundo o son da Galicia contemporánea. Recordar a Suso Vaamonde, xa non é rosmar un laído, é un necesario exercicio de agradecemento colectivo. Uah, la, la, la….

Leite frito

Para Maripola e Montse, que reiventaron a tradición.

Cando a Caixa de Aforros plantaba o piñeiro iluminado, sabiamos que chegara o Nadal. Os raparigos ateigabamos a entrada da oficina central de García Barbón para admirar as grandes figuras articuladas do belén e comprobar que os reis aínda estaban moi lonxe de chegar ao seu obxectivo. Días máis tarde, o concello iluminaba a oliveira do Paseo de Alfonso –maltratada, despois dun lóstrego que a feriu de morte– e comezaba nas parroquias e nos colexios a «Operación Quilo», destinada a recoller alimentos para os máis pobres. No estanco mercaba o «Extra de Nadal» do DDT, un dos tebeos que editaba Bruguera, no que aparecían as historias de Carpanta, Mortadelo e Filemón e de Zipi e Zape, que despois das súas trastadas, remataban comendo un enorme pavo na mesa de noiteboa.

Chegadas as vacacións, pasaba as mañás na praza do Progreso, na da miña avoa Maruja, que tiña a súa bancada chea de repolos, ghichos, coliflores, escarolas, patacas pequenas, herbillas, restras de ceboliñas, laranxas navel, mandarinas, clementinas, peruchos, peras e mazás para compota, uvas de moscatel, ovos de casa, castañas ou noces do país. A Praza estaba preciosa aquelas mañás. As mulleres, daquela só as mulleres, bulían entre as bancadas das pescantinas ou facían cola diante das carnicerías, das charcuterías, dos postos dos polos de «Himahe», das flores, dos queixos de tetilla, das olivas, que era o que máis me gustaba, por que alí se vendían olivas negras, pementos morróns, manteca de porco, alcaparras e as «banderillas picantes», que daban nalgúns bares e que eu nunca probara. Non esquezo os arrecendos da Praza do Progreso, tanto cando estaba no Campo de Granada –onde noutrora se celebraba o mercado do gando, o campo da Feira, e logo se colocaron os circos, fronte ao edificio da Gota de Leite– como cando se trasladou aos galpóns da rúa Marqués de Alcedo, aquel mercado en costa, onde esvarei tantas veces.

As mulleres decidían o menú de noiteboa na Praza. O máis frecuente é que preparasen o bacallao con coliflor, que era o prato de noso, e o ollomol asado, que daquela era un peixe asequible. As familias que máis podían decidíanse por embutidos de «categoría», como a cabeza de xabarín, a lingua trufada ou o pavo recheo, para logo continuar polo año asado, polas perdices estufadas ou por unha tenreira mechada. As sopas de cabalo cansado, as castañas con leite e os peruchos de Nadal –que se cocían en viño tinto con azucre e se metían nun frasco para tomarse ben fríos– eran algunhas sobremesas tradicionais, que contribuían a «enchispar» a pequenos e a maiores.

O de noiteboa e Nadal son para min os días do leite frito. Antes da cea visitabamos as casas da familia na Pastora e Travesas e en todas as cociñas fumegaban aqueles bocados cremosos, co azucre e a canela por riba, que probabamos diante da televisión que retransmitía o torneo de baloncesto. Nunca souben o porqué desta tradición deste «leite dos frades», como tamén se lle chama noutros lugares de Galicia, que reivindico como a xenuína sobremesa galega de noiteboa. Un prato sinxelo e económico, baseado no leite, un producto noble que constitúe un dos primeiros alimentos da nosa civilización. Na repostería popular galega, a das larpeiradas que se fan na casa, que teñen estudado Mariano García e Fina Casalderrey, os doces do leite constitúen capítulo senlleiro. O leite é o intermediario amoroso de doces humildes como ningún outro: con azucre (nos cauchóns), con pan reseso (nas tortillas de pan), con ovos (no flan, no doce de leite), con arroz (no arroz con leite, nas papas e nas roscas de arroz). O leite frito é a máis emblemática destas lambonadas. Para preparalo abonda cun litro de leite, catro culleradas de fariña triga, dúas xemas de ovo, dúas culleradas de azucre, aceite, limón e, para quen o queira, un chisco de canela. Unha receita moi sinxela que require paciencia, o máis sabedeiro prepárase o día anterior, habilidade e o desexo de que sexa compartido.

No Nadal de 1999, publiquei en Faro de Vigo, unha versión desta anotación.