Entrevista con Carme Blanco

Tras a presentación de Sexo e lugar, Vieiros realizou unha longa entrevista a Carme Blanco. Das respostas da escritora de Unión Libre saliento estas que me pareceron de maior interese:

  • Este é un libro de liberación, para homes e mulleres, para derrubar o poder sexual e colonial e vivir libre a experiencia do sexo e do lugar. Fala do poder, da arte e da literatura en xeral: hai que encamiñar a ciencia, a creación e o pensamento á liberación. É necesario nos tempos nos que vivimos…
  • No tempo da paridade política, temos que decatarnos de que o poder patriarcal pervive máis alá: a violencia de xénero coa que convivimos a diario, aquí ou en El Salvador, os prexuízos, seguen a ser pedras que pesan sobre nós. A política do politicamente correcto está ben na forma, pero trátase de ir ao fondo, ás mentalidades. Os prexuízos impiden a vivencia libre do sexo e a da galeguidade: colonialismo e patriarcado van unidos. A estas alturas está desintegrado o átomo, pero aínda quedan as pedras… Por iso os ensaios están enfocados cara á liberdade, para vivirmos o sexo e vivirmos o lugar sen represións. Para eses praceres está escrito este libro.
  • O libro ten a consistencia, a permanencia, pero a Rede ten a inmediatez e a accesibilidade…
  • Sempre é necesaria esa revisión crítica que inaugurou María Xosé Queizán con Pondal. Mais é importante coñecer a historia da galeguidade, porque Pondal tamén tiña elementos filóxinos: a creación de grandes mulleres, poderosas guerreiras, poetas, bardesas, cazadoras… Ao lado, porén, atopamos cousas coma unha loa da violación. Temos que ser quen de ver as cousas con obxectividade. Non temos porque deixar de ler a grandes figuras, pero temos que aprender a miralas con ollos libres. Eu quixen abordar as luces e as sombras dos autores, desmontar os prexuízos, ler entre liñas a Pondal ou Leiras, nos episodios “Amores” e “Praceres e poderes.” E hai que salientar que a época tampouco disculpa certas mentalidades: Rosalía e Murguía viviron na mesma época e foron parella, e ela era enormemente crítica co poder sexual, mentres el era un conservador e patriarca…

Entrevista con Carlos Núñez

Óscar Otero publica un magnífica entrevista co noso admirado Carlos Núñez, o deseñador vigués creador da tipografía Gallaecia Castelo. Un auténtico tratado sobre a tipografía galega, un sinal identitario escasamente traballado. Escollo algunhas das súas reflexións que máis me interesaron:
  • Estou creando un diccionario dende fai catro anos sobre a tipografía histórica, a caligrafía galega e europea, as artes gráficas e o deseño. […] En Galiza para recuperar unha máquina do século XVIII e poder crear un museo de artes gráficas, recuperar documentos antigos ou montar calquera outra cousa fai falta un milagre.
  • A caligrafía é como a música: algo de ADN hai que ter.
  • Un abecedario é unha filosofía, un comportamento de vida estético, é dicir: un ‘a’ de Bodoni non é un ‘a’ de Morris nin un ‘a’ de Gill porque expresa unha emotividade diferente. Expresa un estado de ánimo e unha filosofía distinta. Por iso, a maioría dos creativos, dos deseñadores, en canto o tema tipográfico din “pois eu utilizo esta porque me gusta moito” ou “que bonita é esta letra”. A palabra “bonito” debería estar desterrada. Unha cousa pode ser útil, ter forza, débil, amorosa, agresiva, sanguinaria… pero a palabra “bonito” non di nada. A maioría dos deseñadores non teñen nin idea de tipografía porque non hai unha educación tipográfica, non hai unha educación caligráfica, non funciona o ADN.

Entrevista Teresa Moure

Recomendo a lectura da completísima entrevista que Vieiros publica con Teresa Moure. Entre outras, tomei nota das seguintes afirmacións que entendo moi interesantes:

  • A muller na literatura engade o seu punto de vista alternativo.
  • Escribo para darme pracer. Chamáronme do Consello da Cultura Galega para falar sobre os premios, e fun alí a dicir que qué é iso de que os escritores teñen que ser máis importantes na sociedade ou son os electricistas máis importantes por facer o seu traballo. Hai neuroses que teñen que saír de dentro e coa escrita é máis doado. Escribo porque me gusta.
  • O normal é falar moitas linguas pero non con corrección absoluta.
  • Eu son unha feminista que non fai explotación da muller pola muller. Antes de vir á entrevista fixen unha hora de limpeza, tocaba fregar as escaleiras. Algo que non soporto das feministas da igualdade é que teñen grandes postos de traballo e servizo doméstico. Aínda sendo unha cirurxiá que non pode levar os fillos á escola porque ten que operar non acepto que lle pague a outra muller para que llos leve. E quen leva os fillos desa outra muller á escola? Coido que é moi importante a ética dos coidados e compartir responsabilidades. As baixas por maternidade para homes son unha falacia. Que é iso de que teñen o mesmo dereito que a nai? Quen pariu é a muller. Quen ten que repoñerse e aprender a querer ao fillo, e aceptalo é a nai.

Entrevista a Peter Mayer

Quen teña moita curiosidade pode ler a entrevista co editor Peter Mayer que aparece hoxe en Babelia. O antigo responsable de Penguin volve á carga sobre o futuro do libro de peto proporcionando as receitas que xa lle coñeciamos: “compre alimentar o fondo do catálogo con títulos chamativos ou comerciais que acheguen o selo mesmo a persoas que non len”.
Sen embargo, o que máis me gustou da entrevista é a sinceridade coa que relata algún dos seus fracasos (por exemplo, non ter publicado a primeira novela de Eco), aconsellando que os editores non tomemos decisións a partir de “verdades xerais” se non de “verdades individuais”. Ou noutras palabras menos crípticas, para tomar a decisión de editar un libro é mellor deixarse levar polas corazonadas e a intuición que produce a lectura dos manuscritos ca polos históricos de vendas que proporciona o departamento comercial.
É interesante, tamén, o anuncio da publicación do Quixote en formato audiolibro (nada máis e nada menos ca 37 cedés). Esta é unha modalidade de edición pouco frecuentada polos editores europeos, que, sen embargo, triunfa nos Estados Unidos. Curiosamente, onte, na reunión que tivemos na sección do Consello da Cultura Galega falouse do éxito que tivo en galego algunha experiencia deste tipo.

Entrevista a Ferrín

Josito publica en Babelia unha magnífica entrevista con Ferrín. Son interesantes, tamén, as referencias a quince autores e os informes sobre o estado dos diferentes xéneros da literatura galega.

A entrevista de Suso.


Edicions Bromera (catalán)

Recomendo a lectura devagariño da longa entrevista a Suso de Toro que aparece hoxe en Vieiros. Non ten desperdicio. É moi clarificadora sobre o momento que vivimos. Reflexivo e mirando cara o futuro, esas inxeccións de esperanza que tantas veces faltan aquí, Suso reclama a mobilización cidadá para abrir unha nova etapa política.