"Cartas de inverno", 20 edicións

A 20ª edición de Cartas de inverno de Agustín Fernández Paz mereceu a portada de Galicia hoxe, un auténtico acontecemento na prensa galega que se atreve a abrir a tres columnas cunha noticia da nosa literatura. A ampla información salienta que en doce anos a novela vendeu 65.000 exemplares en galego (20 edicións) e outros moitos en castelán (12 edicións) e en catalán (16 edicións), lingua na que no último ano vendeu oito milleiros de exemplares. Algo extraordinario. Agustín explica o éxito rotundo desta obra, xunto con O lapis do carpinteiro os longs sellers da nosa literatura actual, por que se trata dunha “novela intemporal, por riba do tempo cronolóxico no que foi escrita, 1994, cando non había correo electrónico, por exemplo”. “O máis importante”, engadiu, “é que o que se conta é inalterable por riba dos séculos e os secúlos, se o cambio de clima non lle pon fin: as persoas temos medo, un medo irracional que nos vai seguir acompñando como especie. Pode ser o medo ao mamut, o medo a unha pantasma ou a un virus mutante. Tanto ten: non nos separaremos deles”.
Esta viséxima edición de Cartas de inverno presentámola con nova portada (co lixeiro redeseño que fixemos á colección Fóra de Xogo chegado ao número 100), cun epílogo (no que autor reflexiona sobre a obra e a súa recepción) e cunha completa revisión do texto realizada con grande mimo polo propio Agustín. Para aqueles que non a leron, esta novela de terror lovercraftiano continúa sendo absolutamente recomendable, tanto para lectores e lectoras novos como para persoas adultas.
Agustín entregou estes días o orixinal do seu novo libro, O único que queda é o amor, unha colección de relatos, que serán ilustrados por Pablo Auladell, e agardamos ter publicados (abrindo, xunto con Xabier P. Docampo, nova colección) a comezos do vindeiro outono. Agustín, ás portas da súa xubilación como profesor a remates deste curso, acada a súa plenitude como gran narrador contemporáneo das nosas letras e como unha das grandes figuras da literatura xuvenil universal.

4 comentarios
  1. ROBA SPIERRE
    ROBA SPIERRE Dice:

    Debo dicir que lin moitos libros de Agustín (Fernández Paz).
    E teño o placer de ser alumna súa; debo engadir tamén que as súas clases son as que máis desexo que cheguen pola seman. Son do máis interesante.
    Quizáis nunca chegarei a confesarlle que non lin “Cartas de inverno”, todos os meus compañeiros non mo recomendaron.
    Agora vouno facer.

  2. besbellinha
    besbellinha Dice:

    Pois é un gusto esta nova e vai ser un pracer ler o libro que ata o de agora pasoume coma roba spierre. Parabéns a Agustín Fernández Paz.

  3. Tirant al cap
    Tirant al cap Dice:

    Moltissimes felicitats, Agustin, per aquest exit immens. L’original gallec es un exit aclaparador, pero, com be remarca Manolo, l’edicio de Bromera no queda molt lluny. Les bones obres tenen aixo: son universals. Per molts anys!!!

Los comentarios están desactivados.