Caligrafía
Creo o que o fío que mellor une o meu traballo anterior como profesor de educación infantil e o actual de editor é o meu interese pola caligrafía. Esa devoción polas letras e as súas formas, polo surco do lapis e da pluma, ese marcar un trazo aparente sobre a nada (sexa a pizarra, a libreta, o folio en branco ou a mesma auga), ese deixar ennobelarse nas lazadas é un pracer no que non deixo de insistir cada día. Moitas veces téñenme dito que a miña escritura é a de mestre, o que constitúe unha gabanza que moito agradezo.
Desa devoción pola caligrafía (transformada no mundo da edición en tipografía) naceu o proxecto do libro X. espazo para un signo, que hai dous nos propuxo o calígrafo Lázaro Enríquez, a maior autoridade que coñezo nese terreo. Unha obra, coa que pretendemos conmemorar o vinte e cinco aniversario da editorial, que propicia un diálogo entre as variacións gráficas e pictóricas do X (o grafema e fonema diferencial da nosa lingua), creadas por Lázaro, e os textos escritos expresamente para o libro por unha ducia dos nosos poetas. O resultado deste diálogo é sorprendentemente fermoso, quizais porque a palabra dos poetas acada diferentes lecturas cando renace do trazo do calígrafo.
A caligrafía debe traballar o ar e entregarse ao vento. Solto e sentido. Sentíndose solto… É o xesto do corazón escrito. Lázaro Enríquez.
Eu penso que a caligrafía e un modo máis de ilustrar un texto.
Contareiche unha cousiña curiosa. Nunha ocasión repartín pequenas notas escritas en papeliños para solicitar materiais para a clase ós pais dos nenos ós que lles ensino pintura. Como aínda non saben ler, este procedemento é un método corrente para a comunicación… Faltaba unha notiña que non escribira e unha cativa pediume o seguinte: “quero que me debuxes a min unha coma a que teñen os demais”. Noutra ocasión expliqueilles que escribir é deseñar con letras, ¡e adoitan incluír letras nas cousas que pintan, sen máis sentido para eles que o de formar parte do conxunto! Ás veces mesmo me preguntan qué é o que pon aí.
Teño no faiado unha pequena enciclopedia americana que mercou meu pai de solteiro sobre tipografía, de antes de que os PCs estivesen en todos os fogares. Se tes interese en vela, non tes máis que pedirmo, ¿de acordo?
Graciñas polos enlaces.
Eu tamén son fan da Garamond.
Saúdos e saúde desde terras veciñas.
“A caligrafía debe traballar o ar e entregarse ao vento. Solto e sentido. Sentíndose solto… É o xesto do corazón escrito. Lázaro Enríquez.”
Gostei de ler.