Berbés, o porto dos portos
A páxina marítima do Faro anuncia que entrou peixe na lonxa: «Dezaseis bakas, con 90.000 quilogramos e un pincheiro con sete mil quilogramos e dous espadeiros con oito mil quilogramos de peixe entraron onte no Berbés». Bacallao, badeixo, berete, bogóns, botos, brecas, castañeta, congrio, quenlla, marraxo, linguado, pescada, pescadiña, pescadiña fina, peixe sapo, polbo, pota, raia, rapante. Son as cinco e dez da mañá. A serea anuncia a entrada dun barquiño de baixura. Axiña vai comezar a poxa nesta cidade do peixe. Xurxo Souto proclámao con fachenda: «Se Galicia é un reino mariño, tecido con mil singraduras, o reino largo do mar ten unha capital verdadeira: O Berbés, o porto dos portos». E non lle falta razón a Xurxo, por que os fíos de todas as mareas enguedéllanse, cada madrugada, desde hai máis de douscentos anos, coma un novelo na nosa Ribeira, dende a humilde praia de pescadores de atún, que impresionou a Hemingway na súa visita do ano 1921, ao desaparecido Tinglado General de Empaque, dende os novos peiraos do recheo á moderna Lonxa de Beiramar. Os vigueses somos o que somos grazas ao boureo diario do Berbés.
Os norais do Berbés están gastados con tanto trafego. Hai noventa anos que os primeiros bous subiron ao Gran Sol, o Mar Céltico, na procura do mar das Galiñas ou do mar do Candil. Daquela comezaron a improvisarse estaleiros nos peiraos e nas rampas dispoñibles do vello barrio de pescadores. Os carpinteiros de ribeira afanábanse en labrar cascos maiores e os primeiros armadores encargaron a Glasgow máquinas e caldeiras para equipar os seus moto-pesqueiros de fume. Cos anos cincuenta, as primeiras parellas, como o «Rande» e o «Rodeira», cruzaron o Atlántico á procura do bacallao de Terranova. Dez anos despois, da man da recén creada Pescanova, o «Lemos», o «Andrade», o «Doncos», «o Pambre», «o Soutomaior» e o «Vimianzo» –nomes dos castelos galegos para os primeiros conxeladores de altura– atracaron nesa cidade galega que dende entón é Capetón (Cape Town, A Cidade do Cabo). A partir de 1977, coa consideración das 200 millas como novo límite das augas xurisdiccionais e coa nova política pesqueira comunitaria as nosas embarcacións foron expulsadas dos caladoiros tradicionais que abriran con velas e carbón, case cincuenta anos antes. Sempre inqueda, a nosa xente do Berbés abriu na dúas últimas décadas novas rotas oceánicas: descubríronse os caladoiros de Malvinas, das Seichelles e Madagascar no Índico, onde traballan os atuneiros dos «Albacora» ou do fletán do Atlántico Norte. Mais iso xa é outra historia que haberá algún día que contar. Hoxe apenas quedan esoutros nomes de embarcacións que quixemos rescatar da memoria nosa.
A colacion do seu post me ven a memoria un recordo de alo dos finais dos 60´ principios dos 70´(non o lembro exactamente) un dia de veran cando o meu abo levoume a o porto de Mera na Coruña a ver a sua (derradeira) compra. Un marabilloso barkiño de pesca de baixura, intraborda, co timon de vara, e o seu nome para min ineskecible, “La Gaviota”. Recordo tamen as veces k ibamos a ver no barkiño as regatas de traineras na ria da Coruña (ainda k a o vello non lle gustaba levar pasaxeiros abordo)
K nostalxia. K Galicia mariñeira k pouco a pouco vaise esgotando
Hummm, a Galicia mariñeira xa non é nin pode ser o que era antes, pero está lonxe de morrer. Saúdos