Balance 2010/2: a coherencia de Agustín Fernández Paz
Sei que para moitos non son a persoa máis axeitada para considerar a Agustín Fernández Paz como a figura literaria do ano. Ademais de ser o seu editor, úneme con el unha fonda amizade e un seguimento da súa traxectoria autoral e profesional dende hai case trinta anos, razóns polas que dificilmente podo ofrecer obxectividade. No entanto, sei que somos moitas as persoas e medios que recoñecemos na actitude do autor d’ O único que queda é o amor, non puidendo aceptar o Premio da Cultura Galega no eido das letras, unha lección de dignidade e de defensa do idioma e cultura galegas que merecen a admiración e respecto por parte de todos. As razóns da súa decisión e a elegancia para expresalas son abondo coñecidas; porén o que continúa deixándonos perplexos, cando non abertamente abraiados, é comprobar a incapacidade dos membros do Goberno Galego para entender a importancia da fractura que na sociedade galega abriu a súa política lingüística, capaz de facer retroceder, por vez primeira, o emprego vehicular da lingua galega no sistema educativo non universitario. Sei que aí reside a cerna da afouta actitude cívica de Agustín Fernández Paz. As miñas beizóns pola súa lección de coherencia.
GRacias por el artículo