As miñas tardes con Margueritte

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/tupzxVT1ItQ" width="740" height="448" wmode="transparent" /]

A pesar de que cada vez que vexo unha película de Gerard Depardieu saio do cine coa sensación de que xa a vira (seguramente polo afán do mangallón de defender os valores da república, á hora de escoller os seus guións), animeime a ir ver  As miñas tardes con Margueritte, unha desas películas con afán claramente educativo (útiles como recurso didáctico e civico), que cada ano entran de forma milagreira nas nosas carteleiras. Esta narración da historia de amizade (amor) que prende entre un mozote aldeán (Depardieu) e unha vella científica (Casadesus) serve para expresar o valor dos libros e da lectura como transformadores da vida dos seus lectores. Esta e unha película que aborda en toda regra o valor dos libros e da lectura para a vida: a lectura como chave para comprender a propia identidade e o mundo que nos rodea (a viaxe interior o mundo das tebras familiares que emprende o protagonista); a lectura como porta para acceder ao descoñecido; e, sobre todo, a lectura compartida (e en alta voz) como xeito de expresar tamén os afectos e compartir unha vida que pague a pena. A abordaxe das relacións do protagonista coas vellas, tanto a súa amiga lectora que vai quedando cega, como coa súa coraxuda nai, perdida de por vida nos seus labirintos, son outros temas a salientar. A pesar dese indubidable interese temático (unha rareza no cine espectáculo actual), a narración é moi fráxil, a trama tan dóce e previsible, os flashback tan pesadiños e innecesarios, os dous protagonistas tan boíños e sen arestas ningunhas, e o final tan feliciño e tópico (bocatas vexetais incluídos) que só a presenza do enorme Depardieu e da entrañable Giséle Casadesus evita o desastre máis absoluto. A película adapta a novela homónima de Marie-Sabine Roger, que con seguridade debe posuír a febra ficcional,  a intensidade e profundidade narrativa que lle falta a este relato cinematográfico.

2 comentarios
  1. Ana Bande
    Ana Bande Dice:

    que vaaaaaa…é unha auténtica preciosidade, como todas as de Berker, son contos de fadas ás veces con final feliz e previsible pero isto é un contrapunto de agasallo por parte dun director que sabe poñer o dedo na chaga sen que perdamos o sorriso…a fortuna de vivir, un crime no paradiso, consersacións co meu xardineiro…buahhhh!!! rico, rico…¡apertas!

Los comentarios están desactivados.