«Ámote vermella» en Lugo
Quedei satisfeito da presentación/recital de Ámote vermella en Lugo. Medio cento de persoas acudiron á Sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria, onde está instalada Vermellas. Chamábanlles «rojas», a magnífica exposición da que forma parte principal este poemario de Claudio R. Fer, ilustrado pola pintora Sara Lamas. Tanto a exposición como o libro, un mesmo proxecto creativo multisoporte, promovido por Claudio co apoio de Carmen Blanco, constitúen unha homenaxe a aquelas mulleres represalidas polo franquismo. Nacido de «Vermellas», o número de 2006 da revista Unión Libre que ambos os dous dirixen, este poemario inscríbese, ademais, na triloxía que Rodríguez Fer ven ofrecendo sobre a memoria histórica, Lugo Blues sobre a memoria de Lugo, A loita continúa sobre a memoria de Galicia e este Ámote vermella sobre a memoria de muller.
Na súa intervención, Claudio R. Fer salientou que a intención deste proxecto é afirmar a vida, loitar contra a morte. «Cómpre unha catarse colectiva para superar o trauma deste esquecemento no que vivimos instalados nunha democracia tardofranquista amnésica». Antes de comezar a lectura dos poemas, comentou que lembrabamos a mulleres perseguidas por ter ideas. «O franquismo foi unha ditadura androcéntrica e machista, que practicou a violencia de xénero». Claudio agradeceu a presenza de varios familiares dalgunhas das vítimas lembradas no poemario: «Setenta anos despois, quixemos demostrar que hai quen as ama, aquí están os seus nomes elas que foron as esquecidas entre os esquecidos, aquí están os seus retratos, cando tivemos a fortuna de atopalos.»
Rodríguez Fer leu unha decena de poemas. «A derradeira lección da mestra» (dedicado a Mercedes Romero Abella e a todas as mestras represaliadas), «A Juana Capdevielle»; «Amada Amada» (fusilada, en Ferrol despois de ter o seu fillo, por ter rexeitado a un pretendente falanxista); «As tres mapoulas de Montecubeiro» (homenaxe as tres fusiladas de Castroverde); «Un tranvía chamado Urania» (lembrando a Urania Mella); «A árbore da vida» (lembrando a Cintia Rey, a nai de Víctor Casas, fotografada por Amalia Álvarez Gallego, a muller de Alexandre Bóveda); «A viaxe vermella» (homenaxe a María Casares; «Memorial dos foxos de Lugo» e «Paz para sempre», derradeiro poema, tamén do libro, dedicado a todas as persoas que mantiveron viva as rosas da memoria.