Agustín e Xabier no canon
Deixei pasar uns días para comentar a que será unha das noticias culturais máis importante dos últimos anos: dous libros infantís galegos son considerados polos maiores especialistas iberoamericanos entre os dez mellores do seculo XX. O feito de que Contos por palabras de Agustín Fernández Paz e Cando petan na porta pola noite de Xabier DoCampo foran escollidos entre milleiros e milleiros de títulos publicados en España durante varias décadas avala a súa calidade e excelencia (o que como como o seu editor nos produce fachenda), mais tamén, e sobre todo, polo recoñecemento que supón para a traxectoria destes dous membros dunha xeración clave para a literatura galega contemporánea. Xabier, Agustín (como o seu compañeiro da «Xeración Lamote», Paco Martín, os tres fotografados por Xurxo Lobato o día do enterro de Manuel María) recoñecidos fóra das nosas fronteiras como integrantes indiscutibles do canon literario iberoamericano, merecerían idéntico interese polo seu traballo literario por parte das institucións universitarias e académicas galegas. Para cando a entrada dalgúns dos tres na Real Academia Galega?
No entanto, teremos unha boa oportunidade de testemuñerlles o noso recoñecemento o vindeiro 13 de marzo, sábado, no Salón do Libro Infantil de Pontevedra, que homenaxea nesta edición a Agustín Fernández Paz nas palabras de Xabier DoCampo. Beizóns para estes dous grandes amigos de noso.
Parabés, orgullosamente felicitacións. Gostaría saber de qué parte do Universo son obxecto de recoñecemento, pra eu lle mandar noticia ao Conselleiro de Cultura, tan ocupado él en sair da aldea.