A materia de Xabier Paz
Hoxe presentamos Materia de Lucrecio, o poemario máis recente de Xabier Paz. Creo que este poemario materialista sorprenderá xa que fose de a mantenta de calquera asombro íntimo para propoñer ao lector unha indagación sobre o sentido da vida no cosmos e no universo. Tanto pola súa temática, como pola súa expresión prosaica e a súa intención explícita de abordar a literatura (a poesía neste caso) como unha forma de coñecemento é un poemario moi pouco ao uso no actual panorama da poesía galega. Lucrecio, o poeta romano autor de rerum natura, pretendía afondar na natureza das cousas, representando o cosmos como un conxunto fortuíto de átomos que se moven no baleiro; el foi o primeiro materialista (“Se existen deuses, estes no interveñen nos asuntos dos mortais” deixou escrito), Eis sobre esa materia de Lucrecio, Xavier Paz ofrece un poemario que nos ensina e nos interroga como a Teoría das Cordas.
Na súa intervención Vitor Vaqueiro cualificou o libro como “un esforzo extraordinario, meritorio, extraordinariamente positivo”. Considerouno como “poesía materialista, didáctica, no sentido máis noble do termo”. Engadiu que “partindo de nocións abstractas, complexas, fainos reparar na existencia da conciencia, nesa inmesa traxectoria que vai do quark ao quásar“. Rematou sinalando que lle parecía moi interesante que ademais presentase os temas da morte e da eternidade da materia. “Un libro extremadamente lúcido e preciso”.
Xabier Paz comezou a súa intervención sinalando que entende o coñecemento como a base da hominización, “o coñecemento é o que nos construíu”. Sinalou que quixo facer unha homenaxe Lucrecio, discípulo de Epicuro, por que combatiu os medos á morte e ao futuro. “O meu proxecto foi intentar explicarme a min mesmo o sentido da vida. Creo que a vida é un efecto ventureiro do acontecer da materia”. Empregando a teoría da termodinámica e o concepto de entropía, reflexionou sobre as consecuencias de que na vida todo tende ao arrefecemento (unha das palabras claves do libro): “do que se trata na vida é de manter a orde, de aumentar a complexidade”. Continuou explicando que considera a creación artística como unha forma de aumentar o coñecemento, de aumentar a conciencia de nós mesmos e do mundo. “A arte debe engadir algo a esa tendencia á desorde”. Rematou a súa intervención, antes de ler unha escolma dos seus poemas, afirmando que “o progreso só se pode dar a través do coñecemento”.
Noraboa a Xavier Paz por este poemario. Tamén ao editor, por ofrecer nas publicacións de Xerais de poesía voces afastadas dos grupos abafantes que todos coñecemos, e que si ven a conto mencionar porque a excelsa e xenial calidade que entre eles mesmos se recoñecen sempre en endogámicas reseñas non é nin de lonxe mediana. Pero non gaban nin valoran aos de fóra do grupo nin por un erro. E eses grupos silencian ou ningunean aos de fóra deles. Aínda que Brétemas queira un uso moderado e sensato da crítica na rede, na literatura galega hai moito poeta encumbrado dun xeito absolutamente insensato. Autenticidade e valía pola súa obra é o que non sobra en vari@s multipremiad@s que ás veces, con total desvergoña, son poetas, e críticos de poesía e premios da crítica de poesía ao mesmo tempo.