A cociña do Entroido
Mañá presentaremos en roda de prensa A cociña do Entroido e San Xoán, o novo libro de Miguel Vila Pernas.
Este fillo do Valadouro é o escritor sobre cultura gastronómica máis importante co que contamos, tanto polos seus numerosos libros publicados como polo asombroso traballo que sobre temas literarios e gastronómicos ven realizando diariamente no seu magnífico blo. Colineta é moito máis que un almanaque gastronómico (que tamén), xa que constitúe unha auténtica enciclopedia do saber comer para saber vivir.
No libro que presentaremos mañá, Miguel inicia un proxecto de cociña estacional galega que publicaremos en dous volumes. Neste primeiro abrangue os seis primeiros meses do ano, desde as farturas de homenaxe ao porco (de cocidos e laconadas) e das larpeiradas do Entroido (filloas, marruchos, freixós –tres fermosos nomes para a mesma cousa–, orellas e bandullos) ata as sardiñadas e churrascadas do San Xoán. Un bo mollo de receitas, contextualizadas na nosa tradición (etnográfica e literaria) e na nosa historia, ao tempo que un bo número de reflexións sobre unha boa alimentación saudable e saborosa constitúen os eixos do libro.
O lanzamento do libro de Miguel coincide, tamén, co das novas edicións revisadas e actualizadas de dous dos nosos clásicos: O libro da empanada e Repostería de Galicia, ambos os dous preparados por Fina e Mariano, outros dous grandes expertos na cultura gastronómica de noso. Pensamos que estas datas de Entroido, cos seus excesos inevitables (o martes vindeiro temos o cocido anual da editorial), eran as máis axeitadas para o primeiro lanzamento da nosa edición gastronómica.
Agardo, expectante, os comentarios sobre a foto de cuberta. Na editorial provocou moita controversia o último debate no blo sobre unha das nosas portadas.
Así, de entrada, a cuberta está para comela. 😉
A coberta axústase como un anel ao dedo ao contido do libro.
Pero perde coidado, Brétemas, que axiña haberá quen lle atope connotacións sexistas (por iso de que está para comela!).