Onte 157: Crónicas de Homs
Mónica G. Prieto, unha xornalista de guerra, fundadora de Cuarto Poder, publica en Periodismo Humano unhas crónicas estremecedoras sobre o que está sucedendo en Siria dende hai máis de dous meses. O castigo que está recibindo a cidade rebelde de Homs é tremendo. Monica G. Prieto relata que, tras mes e medio de conflito armado, un dos obxectivos dos ataques da artillaría e dos helicópteros do exército de Bashar Al Assad son as antenas parabólicas que manteñen o sinal de televisión e internet. Impedir que as filmacións deste masacre, realizadas por cámaras cidadáns, cheguen a todo o mundo por medio de internet, é un dos obxectivos da ditadura siria. O barrio de Baba Amr é un dos máis atacados como testemuña esta mensaxe desesperada solicitando axuda gravada por un cámara cidadán. Polo momento, a comunidade internacional mantense moi desimplicada do masacre de Homs, coa excepción dalgún amago de diplomático dos Estados Unidos e de Rusia, quizais polo feito de que Siria non é un país petroleiro ou quizais por manter o actual status quo con respecto ao conflito palestino e a hexemonía na área de Israel. Vendo os vídeos que Mónica G. Prieto publica nas súas informacións, podemos manter os ollos pechados diante de semellante salvaxada?
Co que se quere os fillos pensas o moitísimo que sofre esa xentiña, miña pobre, e estreméceseche o corpo todo e quedas sen saliva, mais, ¿que facer perante o monstro de tantas cabezas?