Provocación
As últimas declaracións de Fraga Iribarne constitúen unha provocación contra a dignidade e racionalidade do debate político. As acusacións rencorosas que realiza contra Manuel Rivas e Suso de Toro son radicalmente falsas e non hai dúbida que forman parte da estratexia concertada dos medios da dereitona madrileña de zouparlle a estes dous afoutos escritores nosos. Mágoa que este señor, que tantas desculpas ten aínda que pedir polas decisións que tomou ao longo da súa vida política, aínda represente no Senado a Galicia. Dáme tanto noxo como vergonza.
Etiquetas: Fraga Iribarne
Que se vai a esperar de alguén que foi man da Dictadura e puxo freo a extradición do Pinochet. De quen non sinte a democracia. De quen quixera soterrar no máis profundo das memorias, a memoria dos nosos mártires, fusilados e torturados na guerra incivil. Na guerra do espanto.
Bolboretas, beixos e estrelas para os nosos escritores, os que nos devolven a presencia dos inmolados.
Amara Orzania
Aí aí, dando caña. O que está claro é que o que se enfronte a dous escritores do nivel de Suso de Toro e Manuel Rivas, pode rapidamente quedar en ridículo, porque enfrontarse coa palabra a estes dous non é pecata minuta.
Comprobo que Brétemas si se decatou do ataque que supón o artigo de Juan Manuel de Prada, pois noutros medios electrónicos, ignorando o que é a escrita irónica, facíano pasar por unha defensa a prol de Suso. Mesmo chegaron a falar dun enfrontamento dentro do ABC, cando o texto de de Prada non é máis que un ataque para rematar o labor iniciado polo director do seu medio.
Si, desgrazadamente esa é a miña interpretación. Sei que non é a que fan outros.
Aproveito para lembrar que Suso de Toro pronunciouse ho seu día radicalmente en contra do Premio Nacional de Narrativa que lle deron a Juan Manuel de Prada, sendo o galego ademais membro do xurado. Seguro que o moi cristiano columnista do ABC non esqueceu aquilo e agora aproveita para meterlle un pouco o dedo no ollo.
De qué é quén xa sabemos todos. Quizás Prada non falaría tan mal de Suso se escribera a mitade de ben que él. E de envexas tamén sabemos demáis.
De Fraga, qué decir. Esos son os pais da patria, según algúns.
Creo que deberiamos ser prudentes e, na medida do posible, obxectivos. Brétemas fala dunhas declaracións de Fraga. É evidente que é inadmisible culpar dos lumes ao goberno actual, sobre todo se o que fai tivo a mesma responsabilidade durante unha serie de anos nos que tamén houbo moitos incendios. Por outra banda, sobre esa suposta entrevista Fraga-de Toro, só podo dicir que non estiven presente, polo que non podo saber de que falaron. Sei, iso si, que Suso de Toro é un escritor e Manuel Fraga foi ministro con Franco. Paréceme un principio de criterio para poder opinar. Con todo, tamén debo dicir que me parecen moi arriscadas as manifestacións de Suso de Toro. Eu non sei se houbo trama organizada; sábeo el? Pode dar probas? E outra cousa: non sei a que ven tanto foguete polo cambio de goberno do ano pasado. Despois de dezaseis anos e todas as cacicadas e todos os Prestiges, Fraga perdeu a maioría absoluta por un míseo deputado, escasos noventa mil votos, perfectamente atribuíbles ao pasamento de noventa mil votantes populares. É para estar tan contento?
Sobre os artigos de certa prensa madrileña, non comparto a indignación dalgúns dos participantes do blog. Creo que lle están a facer un gran favor a Suso de Toro e a Manuel Rivas. Estanlles a dar status de intelectuais da esquerda galeguista, de “rojelios”, como dicía o desaparecido Campmany. O feito de que os sinalen publicamente como inimigos é un xeito de recoñecer a súa obra e a súa valía. Como cidadán, paréceme fermoso e plausible que Juan Manuel de Prada, a quen considero un magnífico escritor (por certo,gustaríame que Pawley explicase se o ser moi cristián anula ou enturbia as opinións dunha persoa), pelexe na prensa con Suso de Toro. Para iso están os xornais: para reflectir as opinións dos cidadáns que mellor saben expresalas e para que o resto dos cidadáns, despois de ler a uns e a outros, poidamos ter a nosa propia opinión.
A cristiandade non anula nin enturbia as opinións de ninguén, agás aquelas que vaian claramente marcadas pola fe renunciando á racionalidade. O que non teño tan claro é canto hai de cristián nun espírito que se revela vingativo: hai que ler máis ao abade Pierre e menos ao beato Escrivá de Balaguer, o da santa cobiza.
Aproveito para dicir que Juan Manuel De Prada paréceme tan minúsculo como novelista que como cinéfilo.