Espérame
Onte o título da última novela de Perozo foi premonitorio: chegamos unha hora e media tarde ao Dadó Dadá; en dezaseis anos de profesión, nunca me sucedera tal contratempo, vaia vergonza!
Nunha tarde completísima, na que a editorial organizou cinco actos (xa un disparate que non sei como atallar), ás sete acompañei a Agustín en Lugo nunha das sesións con mediadores de “como se fixo” Corredores de sombra (unha experiencia piloto desenvolvida de forma privada ao longo deste mes que, cando remate, merecerá un longo comentario polo seu interese); a sesión alongouse coa vivísima participación e interese dos asistentes, razón pola que saímos da muralla cando comezaba a presión compostelana. Conducir con esa desacougo durante hora e cuarto foi moito máis estresante que escoitar a Dorotea Bárcena ler varios dos monólogos de Lola de Couzadoiro, a Franquín trompetear varios boleros e o autor e Ana Iglesias conversar vagorosamente sobre a obra. Cando chegamos apenas puidemos desculparnos e agradecer a paciencia do centenar longo de persoas que ateigaban o local. A atmosfera do Dadó, un auténtico clásico, acáelle moi ben a esta enguedellante autobiografía dunha cabareteira que deita un regusto de áceda memoria. Recoméndoa, non o puiden facer onte como tiña preparado, a pesar de que esperaron por min. As miñas desculpas, os editores somos fantasmas mais non temos o don da ubicuidade
Morriña do meu Lugo.
Tes que tomarte a vida con un pouco máis de calma ¿nonsí?
Sempre me gusta apuntarme as tuas recomendaciós, así que esta é unha máis…
Bicos.
Perozo é un escritor lixo, absolutamente. É un atentado á intelixencia. É absolutamente INrecomendable. Chegoume con tentar a lectura de Martázul. Ten atentados á lingua insultantes “que historia che traes con el” “moriraste”, “deixache de parvadas”, etc, etc, etc