Guía bibliotecas escolares Infantil e Primaria

Pode consultarse xa na rede a guía para a selección de fondos documentais nas bibliotecas escolares de Infantil e Primaria. A selección foi realizada por un grupo de traballo, o Grupo Guía, con representación de GALIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil), AGABEL (Asociación Galega polas Bibliotecas Escolares e a Lectura), Biblioteca Nova33, Federación de Libreiros de Galicia e Asociación Galega de Editores, coa coordinación da Asesoría de Bibliotecas Escolares.

Á hora de decidir os materiais que aparecen nesta guía tivéronse en conta criterios de calidade, idoneidade e diversidade. A guía recolle:
  • Dous centos de imprescindibles: unha selección de títulos, en galego e castelán, publicados con anterioridade ao 2002 (aínda que consten edicións actualizadas)
  • Xoves promesas: unha escolla de títulos que destacan pola súa calidade e idoneidade para os lectores a quen van dirixidos, entre os publicados dende xaneiro de 2002 ata xuño de 2005.
  • Promesas con estrela: relación de títulos de referencia polos premios que acadaron (2002-2005)
  • Materiais informativos: selección de títulos de carácter informativo axeitados a estas idades.
  • Outros soportes: materiais presentados en soporte magnético ou electrónico e distinto formato (DVD, vídeo, audio, multimedia), de carácter informativo ou lúdico, publicados a partir de xaneiro de 2002 e seleccionados en función do seu interese para seren empregados no contexto escolar.
  • Enderezos electrónicos de interese para o profesorado e para o alumnado, de contido informativo e lúdico.
  • Recursos para a selección: editoriais galegas con coleccións destinadas ao público infantil, enderezos electrónicos, revistas especializadas, bibliografía e outros recursos a disposición do profesorado para afondar nas súas buscas de materiais.
Moi recomendable como ferramenta na selección dos materiais informativos e literarios que poidan adquirirse e na organización das propias bibliotecas.


Etiquetas:
2 comentarios
  1. Larvós
    Larvós Dice:

    Penso que esa é unha das frontes fundamentais da literatura galega: dotar ben as bibliotecas.
    Lembro que eu, cando era estudante, mercaba poucos libros en galego por mor dos seus prezos (que se ían un pouco de presuposto, comparados cos libros en castelán), pero nunca me distanciei da literatura galega, porque recurría ás bibliotecas.
    Agora a miña situación é outra, pero as bibliotecas, sen dúbida, son fundamentais para achegar a literatura galega á xuventude. Estaría ben que os espazos televisivos xuvenís adicasen tamén un espazo a falar de libros (igual que fan coa música), pero os da tele como son, carallo…

Los comentarios están desactivados.