Vieiros, beizóns!
Vieiros acompañoume, día a día, durante quince anos. Con Vieiros aprendín a navegar por Internet e da súa man soñei cun país normal na rede. En día tan triste no que se despide, a miña humilde e agradecida homenaxe e reproducir un anaquiño do traballo que publicarei no vindeiro Grial sobre o nacemento do libro electrónico en galego, un eido no que o equipo de Lois Rodríguez foi pioneiro e alicerce de todo o que veu despois. As miñas maiores beizóns para todos os profesionais que formaron os equipos de Vieiros ao longo destes tres lustros.
Os precedentes do noso libro dixital están vencellados ao nacemento do Internet en galego. Aí foron decisivas as achegas realizadas polo portal «Vieiros», para min o corazón ( o motor) da nova literacidade en galego e da súa promoción entre o público.
Dende o portal «Vieiros», que naceu o 24 de febreiro de 1996 (coincidindo coa efeméride do nacemento de Rosalía de Castro), desenvolvéronse moitas experiencias que pretendía aproveitar esta textualidade electrónica emerxente. Daquelas apenas existía algunha experiencia de Internet na Universidade de Santiago e unhas cantas páxinas persoas de pioneiros. Na primavera de 1996, «Vieiros» publicou un especial «Mil primaveras para a lingua galega», que podemos considerar como a primeiro libro electrónico en galego.
Tamén tivo moita importancia naqueles momentos alborais, estamos falando de 1996, algunhas páxinas web que promoveron a literatura galega, como aquel expléndido “Ximnasio de Akademo” de Manuel Forcadela ou “O qu do mundo” a páxina de Gonzalo Navaza, hoxe desgraciadamente inatopables na rede. Tamén foi o caso das «Botelhas ao mar» de Suso de Toro, textos literarios galegos pioneiros (publicados de 1999 a 2002) que coñecemos publicados na rede.
Porén, foron as experiencias de Camilo Franco, Por conto alleo (1999) e Necesariamente X. A razón máis quente (2001), tamén en «Vieiros», as primeiras que exploraron as posibilidades de creación literaria con participación dos lectores e lectoras.
É unha noticia ben triste! Creo que eramos moitas as persoas que tiñamos Vieiros como páxina de inicio. Foi un medio pioneiro en moitas facetas, desde a do libro electrónico, que vostede salienta, ata o “A polo ghit” destes últimos anos, pasando pola apertura a noticias e voces que, doutro xeito, non terían posibilidade de se expresar publicamente. É moito o que Vieiros fixo por Galicia nestes quince anos. Moito, non o habemos esquecer.
Unha verdadeira mágoa. Hoxe Galiza chora (ou debería). En Vieiros tamén vai parte de min.
Caermos no derrotismo sería anularnos e deitar todo o traballo no borralleiro. Traballemos a eito para que xordan máis Vieiros. Forza!
Que deus o teña na ghloria!