Eugenio Krapf editor
Os días de partido a rúa Eugenio Krapf, unha costiña que une a avenida da Florida co estadio de Balaídos, énchese de celtistas que celebran a previa. Un espazo rurubarno, tan característico do val do Fragoso, onde edificacións en altura comparten con casas unifamiliares coa súa horta cativa, o viario aberto hai tres décadas. Imaxino que a xente celtista reunida na Esmorga, no Ons, no Picoteo, os locais da rúa cuxo nome figura no rueiro como «Eugenio Kraff» [sic], descoñece quen é ese home con apelido de papel castaño, moi resistente, presentado como ecolóxico por non ter sido sometido ao proceso de albeado.
O paradoxal do caso, que podería explicar mellor Lalo Vázquez Gil, o cronista oficial da cidade entre 1986 e 2016, é que tras ese nome ocúltase un amante de toda clase de papelaría, un editor nacido en Zürich chegado a Vigo, arredor de 1890 para abrir unha papelaría, libraría e oficina de imprenta, primeiro na rúa Príncipe nº 37, despois, a partir de 1894, en Policarpo Sanz nº 17-19, fronte ao café Colón.
Krapf ten unha bonita historia que merece ser máis coñecida para orgullo da cidade que o acolleu. Procedente de Sevilla, despois de abrir a súa oficina de imprenta noutras cidades, o que era frecuente entre os impresores do século XIX, dedicábase a preparar e vender tarxetas postais, xeralmente de 9 x 14 centímetros, que no caso de Vigo e da súa ría fotografaba el mesmo e imprimía na fototipia dos tamén fotógrafos suízos Hauser & Menet, establecidos en Madrid. Krapf ofrecía as súas tarxetas no escaparate da súa libraría, consideradas as máis fermosas e reveladoras daquel Vigo finisecular. Cartaces de memoria que adoitaban enviar por correo os emigrantes e viaxeiros antes de embarcar nunha rota transatlántica.
Sabemos que foi o 12 de setembro de 1897 cando se franqueou na oficina de correos de Vigo a primeira postal fotográfica que circularía en Galicia. Estas tarxetas constituíron un dos mellores reclamos das librarías viguesas, como a do propio Krapf, a de Eugenio Barrientos Tetilla na rúa Elduayen nº 17, a de José Nieto en Príncipe nº 5; a de Buceta, en Policarpo Sanz nº 46 ou Las Artes Gráficas de P.P.K.O. de Príncipe, o establecemento do editor José Cao Moure, incansable promotor do fotogravado e de Vigo como porto cosmopolita.
Porén, Eugenio Krapf pasou ao rueiro de Vigo polas edicións de fermoso feitío tipográfico, adornos e axeitado papel de tres obras da literatura clásica. Tres libros extraordinarios.
O primeiro, La Celestina (1899), de Fernando de Rojas, a traxicomedia de Calixto e Melibea, editada con motivo do cuarto centenario da súa publicación, conforme á edición de 1514 feita en Valencia. Krapf fixo dúas edicións, unha de papel corrente e outra de inglés superior, nas que incluía o estudo que lle solicitou a Menéndez Pelayo, que pasado o tempo resultaría canónico ao que engadiu unha exhaustiva lista das edicións e estudos sobre a obra. Esforzo que o insigne catedrático lle recoñeceu con «mil prácemes».
O segundo libro de Krapf foi El Libro de Patronio o El Conde Lucanor (1ª edición 1898, dous tomos; 2ª ed. 1900), compuesto por El Infante Juan Manuel en los años 1328-1329. E o terceiro, El diablo cojuelo (1902), de Vélez de Guevara, reprodución da edición príncipe de 1641 por Adolfo Bonilla e San Martín.
Ademais, sabemos que imprimiu Ares da raya (1902), versos en portugués do miñoto João Verde. Como tiña previsto editar a Crónica Troiana, editada por Martínez Salazar, tamén con prólogo de Menéndez Pelayo, mais que vería a luz en 1900 a expensas da Deputación da Coruña. Así mesmo, Carré Aldao, dá noticia que tiña rematada a edición de Viaje por Galicia do pontarean Isidoro Bugallal, da que se descoñece paradoiro.
Economicamente a Krapf non lle foi ben. Pouco despois da súa morte, o 12 de abril de 1903, importantes editores suízos, acredores do editor lamentaban que o negocio financeiro do seu compatriota quedase en estado tan pouco satisfactorio. Segundo Gerardo González Martín como libreiro o suízo amosaba bo gusto no arranxo do seu escaparate da rúa Policarpo Sanz 17, onde dispoñía de artigos nacionais e de importación, ademais de organizar exposicións nos seus escaparates, polas que no verán de 1895 pasou unha obra de Serafín Avendaño. Tiña un depósito de libros en diversas linguas de difícil adquisición nunha cidade como o Vigo daquela.
Carré Aldao no seu traballo sobre a imprenta en Vigo (1819) escribiu que coas «coidadas e esmeradísimas edicións de clásicos españois, demostrou Krapf ser o home que precisaba Galicia para que retomando as tradicións dos editores Soto Freire e Compañel, fose a cidade de Vigo o berce dunha colección de Bibliófilos, que tan necesaria se fai para o noso desenvolvemento intelectual». Krapf foi o primeiro editor vigués do século XX e como tal forma parte destacada do mapa do Vigo literario.


Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir