O heroe frustrado

Marcos Valcárcel publica, tamén, hoxe outra crítica sobre a estrea d’ O heroe en La Región, que reproduzo na súa totalidade por non poder lerse na rede:

O HEROE FRUSTRADO
É o momento no que sabemos que Caronte é un heroe frustrado cando entendemos moitas das pezas que se ensarillan no Heroe de Rivas: o amor e o desamor, a tiranía e a rebeldía, a guerra e a paz, a liberdade e a opresión, os líderes sublimes e os seres anónimos, todo ese conxunto de pares encaixan definitivamente. Caronte, o exlexionario que regresa dunha guerra que non existe oficialmente (Sidi-Ifni), conduce toda a historia como aqueloutro Caronte conducía as almas en pena que atravesaban a lagoa Estixia tras pagar o óbolo correspondente. Pero Caronte non podía transportar aos mortais vivos (por iso anoxou a Hércules) e o Caronte de Rivas devén ao final derrotado pola ironía dun cachón de augas no que se supón que é a hora histórica da inmolación que vai dar razón e sentido á súa existencia. Sarabela xoga con xeito co texto de Rivas, alternando os trazos tremendistas (a tortura) co sentido do humor e o lirismo da prosa deste autor. Hai momentos brillantes como o barbeiro que interpreta X.A.Porto “Josito” ou as esceas da Lucía que fala coa voz de Nate Borrajo. Pero, sobre todo, de O heroe quedará a interpretación maxistral de Fernando Dacosta, posuídor dunha inmensidade de rexistros dramáticos que xa ten demostrado moitas veces. Se Fernando nacese noutras latitudes, tería dereito a soñar coas glorias que adobiaron a monstros como Marlon Brando ou Kirk Douglas. Aquí, só podemos ver as súas artes nestas citas de Sarabela. Ogallá o público da TVG, que só o coñece a través de Pratos Combinados, acuda xa aos teatros a recoñecer este tesouro que temos oculto.
Marcos Valcárcel