«Falemos galego» e «Galego na escola»
Camilo Nogueira, cando era presidente da Asociación Cultural de Vigo, mandou imprimir dúas mil pegatinas de cor azul que rezaban «Falemos galego». Impresas na Serigrafía Galega de Álvaro Álvarez Blázquez, aqueles autocolantes foron un vehículo privilexiado para promover o uso do galego entre a mocidade urbana a comezos dos anos setenta. A boa acollida da iniciativa levou a Camilo a custear do seu peto outras tantas pegatinas de cor vermella que desta volta rezaban «Galego na escola». Lembro o primeiro curso de galego ao que asistín, nunhas calorosas tardes de agosto de 1975, nas aulas do Instituto Politécnico de Torrecedeira. Carmen Panero, a nosa profesora, que utilizaba Galego 1 –o primeiro manual de alfabetización pra persoas adultas que publicou o Instituto da Lingua Galega– soubo comunicarnos un interese e un agarimo polo noso idioma que marcaron dende entón o meu comportamento lingüístico.
A teima do noso pobo máis humilde, que mantivo viva a súa forma de expresar o mundo, e o esforzo dos galeguistas dende 1850, permitiu o recoñecemento do idioma como oficial e a súa entrada na escola en 1980, un fito histórico, xa que dende entón son varias as xeracións que foron alfabetizadas na nosa lingua. Contamos con dúas canles públicas de televisión e outras tres de radio que, madia leva!, emiten integramente en galego, e con milleiros de funcionarios alfabetizados no noso idioma que, a pesar das dificultades e resistencias do sectores galegófobos, abriron fendas valiosas para o seu uso nas administracións locais, na xustiza e na propia policía e garda civil.
A pesar destes avances, que constitúen un auténtico éxito colectivo (e non debemos minusvalorar), é indubidable que o galego perdeu creto como lingua de instalación entre a mocidade, como amosan os datos dos diversos estudos sociolingüísticos. Velaí unha das encrucilladas da nosa lingua, as nosas xeracións alfabetizadas en galego, as máis competentes da nosa historia no seu uso culto (tanto na lectura coma na escritura), porén, non o empregan adoito na súa comunicación oral. Mesmo os rapaces e as rapazas que o falan poden ser considerados entre os seus iguais como auténticos alieníxenas, bechos raros cun comportamento lingüístico extravagante. Se a iso engadimos que nos últimos anos, a pesar do consenso acadado arredor do Plan Xeral de Normalización Lingüística, produciuse unha falta de implicación no uso social do idioma, nos eidos político-institucionais (tanto por parte de amplos sectores do PPdeG como do PSdeG), empresariais, sindicais, eclesiásticos (onde o galego case desapareceu), como na presencia nalgúns medios de comunicación privados, que segue sendo dependente das axudas públicas, todas as alarmas sobre o futuro incerto do noso idioma están acesas.
Neste difícil contexto e a poucos días do anuncio do borrador do novo decreto de uso do galego como lingua vehicular no ensino non universitario que, polo adiantado a pasada semana polo propio presidente da Xunta no Parlamento, supoñerá un serio retroceso para o soño normalizador iniciado hai tres décadas, cómpre recuperar as actitudes de entusiasmo militante acuñadas pola xeración de Camilo Nogueira, Ferrín, Beiras e María Xosé Queizán, os nosos referentes morais e políticos no nacionalismo galego. Se a nosa hipótese máis desfavorable se verifica, propoño como primeira medida que dende a sociedade civil nos defendamos pacificamente amparados con novos autocolantes de «Falemos galego» ou de «Galego na escola» (agora en soporte dixital e analóxico), serán o noso primeiro dique de dignidade para comezar un novo e longo proceso de recuperación para o noso idioma. Non é o momento nin para o ditirambo nin para o desánimo. A nosa causa vén de lonxe, non imos desistir. «Un paso adiante, outro atrás, Galicia tecendo a túa tea…»
Imaxe de L.Bugallo [Moitas grazas]
Trackbacks y pingbacks
[…] é o consenso que nos van propoñer mañán Feijóo, Vázquez e Lorenzo? Remítome ao expresado na anotación de hai dous días, non é este o momento nin para o ditirambo nin para o desánimo, a situación de […]
Los comentarios están desactivados.