Onte 1809: «Mimosas» de Oliver Laxe
A primeira película do ano foi Mimosas do noso admirado Oliver Laxe. Un filme mestizo que, baixo a aparencia dunha narración das aventuras (case un western) dunha viaxe nas montañas do Atlas marroquí coa intención de transportar un cadáver, propón ao espectador unha reflexión esixente sobre o camiño da espiritualidade e a identidade relixiosa. Dividida en tres partes, outras tantas posturas de oración sufi (tamén as tres da traxedia grega), Laxe enfronta na narración dúas concepcións arredor de como entender o camiño (en realidade, a propia vida): unha, a dada pola fe relixiosa, a asumida, representada por Shakib; outra, a construída, a mítica, a de Ahmed e Said, que entre as súas vacilacións, medos e dúbidas, agardan poder atopar o seu destino. Laxe ofrece unha película conmovedora e fermosa, desenvolta sobre unha paisaxe silenciosa e inquedante, sexa pola severidade da neve, a violencia da auga entre os canóns ou a amplitude das chairas onde os mercedes camiño de Sijilmisa debuxan ronxeis no deserto.
Tras o éxito de Todos sodes capitáns (2010), Oliver dá un chimpo de xigante cunha película de narración máis clara e formato máis industrial e internacional, sen perder por iso un ápice nin do seu misterio nin da súa preocupación espiritual nin do seu carácter mestizo (está rodada en árabe), característicos da súa identidade como director. Mimosas é unha película que interpela ao espectador de xeito que obriga a volver sobre ela, a preguntar e remoer. Recomendo non perdela (está en cinco salas galegas, algo pouco frecuente para unha película distribuída por Numax), paga a pena.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir