Onte 1772: Manuel Veiga en Monforte
Presentamos onte no Centro do Viño da Ribeira Sacra de Monforte de Lemos Todo ser humano é un río de Manuel Veiga Taboada. Novela que comentou con grande brillantez o xornalista cultural César Lorenzo que comezou salientando que «era este un libro que pagaba a pena ler, onde triunfa o risco, xa que o escritor decide facer o que quere facer». «Os relatos –continuou César– esculcan diversos ambientes e experiencias. É unha novela vivida, contaminada pola experiencia do autor, mais na que acomete unha terceira vía, a de mesturala con múltiples lecturas. Todo ser humano é un río é unha novela na que a ollada é esencial, onde o autor utiliza o procedemento de autoficción, aínda que vai máis alá, xa que intenta asimilar literariamente as cousas que lle pasan na vida, converténdoa en materia literaria. Manuel Veiga é unha persoa que cambia, que evoluciona, o que lle permite ampliar a mirada converténdoa en literaria».
A seguir, Lorenzo abordou a estrutura da novela, organizada en dúas partes, a primeira arraiana e a segunda monfortina, «utilizando nas dúas personaxes reais». «Nas páxinas dedicadas a Monforte intenta contar a historia da súa familia, da súa liñaxe, mais non o fai coa intención nin de mitificar nin desmitificar, senón de aproveitar esa pescuda para convertela en materia literaria de primeira calidade». «Creo que esta parte tamén é un balance da relación do autor cos seus pais». Destacou Lorenzo a importancia que Manuel concede ás artes, sobre todo á pintura e á escultura, que intentou incorporar na súa literatura». Continuou a súa intervención César destacando a importancia de «Casa vixiada», a noveliña que pecha o libro, «onde a ollada é esencial para entender o que é o pazo de Muíños de Antero, Manolo consigue que nos sintamos dentro, ten a ambición de crear un universo e conségueo». Rematou Lorenzo dicindo que «se neste país algúen busca lectura literaria aquí hai un escritor no que se pode confiar».
Na súa intervención Manuel Veiga confesou que acabara de reparar no que expresara César Lorenzo: «É certo que o libro é unha despedida dos meus pais, ainda que quizais o fixera de forma inconsciente». Tamén recoñeceu que no libro quixo recordar a importancia dos ríos en Galicia: «Eu son de río. Crieime a carón dun río. Os olores do río están sempre na miña cabeza, como boa parte de Galicia son ríos». Veiga salientou despois o sentido de conversa que ten o libro, «sei que é un libro moi persoal, anque ten un carácter colectivo, sei que recolle moitas voces que se van intercalando». «Un procedemento que está en toda a literatura moderna, ao xeito de xornalismo poético,que converte esta conversa en literatura por que ten profunidade e unha ollada propia».
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir