A fusión das caixas

A cuestión do financiamento (non pinta ben, xa que non contar con novo Estatuto é un prexuízo grande para a negociación bilateral co Estado) e o da teimosa ofensiva contra o galego non pode adiar na mesa de Feijoo o complexo problema da inevitable fusión das caixas para gañar perímetro na actual crise financeira. A crónica política de Anxo Luxilde (recomendo para estar informado sobre temas principais non perdela semana ningunha) clarifica as tres alternativas que sobre a cuestión se están manexando en San Caetano. A primeira, a que promove Génova: integrar Caixa Galicia no proxecto de fusión de Caixa Madrid e a CAM valenciana, que supoñería formar a maior caixa de España (superando a «La Caixa»), unindo así os esforzos das tres comunidades onde goberna o PP. A segunda, sería que as nosas caixas liderasen fusións con outras de comunidades veciñas, como Caja Asturias ou algunhas das de Castela León. A terceira, sería a fusión galega de Caixa Galicia e Caixanova.

As tres alternativas supoñen importantes dificultades para os seus promotores, especialmente as dúas primeiras, xa que o novo perímetro desvencellaría ás caixas galegas do proxecto de promoción económica do país. Atreverase Feijoo a promover a liquidación de Caixa Galicia como entidade ao servizo de Galicia? Porén, a da fusión galega, despois de vencer algunhas resistencias localistas (xa contamos coa experiencia da fusión de Caixanova), debería asumir o elevado custe social e laboral de eliminar a duplicidade das redes directivas e de oficinas de ambas as entidades. A pesar das dificultades que poidan aparecer semella que esta fusión galega é a única solución viable para poder seguir contando cunha ferramenta financieira propia. O Goberno Galego non pode adiar expresar a súa posición nun tema tan decisivo para Galicia. Outrosí sucede para os dous partidos da oposición que, a pesar dos riscos de abordar un tema  “difícil” coma este –ninguén quere nin pode ter problemas con estas entidades–, teñen unha magnífica oportunidade de visualizar diante da sociedade o rigor da súa alternativa económica e de desenvolvemento sostible.

3 comentarios
  1. A.C
    A.C Dice:

    ¿Da vostede por seguro k a financiacion pesima k din k teremos en galicia e por non ter estatuto “novo”? Eu penso k e por outros motivos, k creo k estan ben claros.

  2. pablo gonzalez
    pablo gonzalez Dice:

    Amigo Bragado,

    Tremo so pensar nunha fusión de caixas galegas: miles de prexubilados pasando a vivir a costa do Estado e mantenemento de postos de traballo precarios (cánta diferencia nas condicións laborais hai na banca entre un traballador que leve vinte anos traballando e outro que leve tres, p. ex.?) a costa dunha suposta “galeguidade” dos cartos.

    A opción dunha PPCaixa (Madrid, Valencia e Galicia) é igual de temible, posto que suporía darlle un mantenemento á estrutura económica do partido popular encamiñado ó seu mantenemento no poder (cómo conxugar a permanencia na directiva de personaxes escollidos a dedo polo partido gobernante que se fai en Caja Madrid coa xerontocracia das empresas galegas? O único que teñen en común é o PP))

    Quizás a fusión de caixas do norte (Galicia, Asturias e León) sexa a máis aceptable, sempre que conleve unha modernización das empresas implicadas. Daríalle o papel central a Caixa Galicia, un territorio definido no noroeste peninsular onde traballar coa centralidade en Galicia e a oportunidade de asimilar a Caixa Nova máis adiante.

    Pero para iso sería necesario modernizar ós protagonistas, feito que a día de hoxe é pouco menos que unha quimera imposible; aínda que a influencia positiva na súa área de influencia sería innegable (obriga de mellorar as comunicacións e infraestruturas do norde coa meseta e do norde consigo mesmo) polo pulo financieiro e modernzador que necesitaría. Unha quimera, xa digo.

Trackbacks y pingbacks

  1. […] tres semanas adiantabamos aquí as tres posibilidades que se barallaban sobre o futuro das Caixas de Aforros galegas. A pesar de […]

Los comentarios están desactivados.