En Xapón
Salvador Rodríguez adoita ofrecernos cada domingo no Estela unhas magníficas reportaxes, un xénero cada vez menos frecuentado na prensa. Hoxe publica unha excelente e documentadísima sobre a presenza da música galega en Xapón. Sen caer en tópicos nin en grandilocuencias, tan frecuentes cando falamos da nosa proxección internacional, debulla a presenza dende hai anos no país do sol nacente de Milladoiro, Luar na lubre, a Real Banda e Cuchús Pimentel.
A reportaxe informa tamén da xira que Carlos Núñez está realizando. Fedellando na web atopei noticia da estrea de Mar adentro e da edición en Xapón dun novo cedé do noso gaiteiro máis internacional (do que a reportaxe xa daba algunha noticia): Cinema do Mar. Espléndidas noticias para a nosa industria cultural.