Onte 1308: Biografía intelectual
No Museo de Pontevedra presentamos onte Xosé Filgueira Valverde. Biografía intelectual de Xesús Alonso Montero. Tras as palabras limiares de Fernando Filgueira, Carlos Valle, director do museo e discípulo do polígrafo pontevedrés, presentou o libro de Alonso Montero como «máis ca unha biografía intelectual de Filgueira, xa que se trata dunha radiografía intelectual da cultura dun país ao longo de case un seculo.» «Xosé Filgueira Valverde non viviu o século pasivamente, non foi un observador, foi un magnífico actor dese século denso do que fomos herdeiros.» Valle cualificou o libro como «atípico, xa que comeza cunha cronoloxía e unha escola de xuizos sobre Flgueira, antes do seu prólogo galeato.» Valle destacou a importancia da segunda parte da obra, a dedicada aos escritores homenaxeados coas Letras Galegas e o 36, «só con ese capítulo abondaría o libro», e da terceira, dedicada a estancia de Filgueira en Lugo. Gabou despois a sorprende erudición presente ao longo de todo o volume. «O libro de Alonso Montero é unha resposta moi contundente a quen cuestionou a liberdade da Academia Galega para elixir a figura de Filgueira para este 17 de maio.» «Este é un libro que resume datos xa coñecidos, mais que tamén ofrece outros novos, froito da investigación de Alonso Montero.» Rematou Valle sinalando que «este libro marca un punto de inflexión no achegamento á figura de Filgueira Valverde e ao tempo histórico no que lle tocou ser protagonista, malgré lui.»
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir