Día de Feira
Onte vivín un día moi intenso na Feira de Torre. Xantei cos Sumilleres n’ O Secreto onde ultimamos os criterios de edición da guía 2006; da man destes expertos comer e beber coma reis está asegurado: o cava, o ribeiro e a ventresca á grella estaban, sinxelamente, formidables. Logo, entrevisteime con Isabel Castro Vázquez, a profesora que presentou en Towson a primeira tese de doutoramento sobre a obra de Manuel Rivas, texto que acordamos publicar o vindeiro ano. Máis tarde, estiven na nosa caseta falando un pedazo con J. (o noso heroe) e, xa, pouco antes de comezar as presentacións, coñecín ao meu admirado Martin Pawley (quedou pendente o noso café e a nosa conversa) e falei un anaquiño con Josito, María e Rosa (dúas mulleres sol).
Para rematar o día, Carlos e Xurxo convidáronos a cear no Monte Alto nécoras, percebes, navallas e abadexo (outra marabilla!!!). Baixei para Sal de madrugada, fartiño de tanta enchenta e máis contento cun cuco, conducindo amodiño e arrolado polo moumeo de Keita. Esta xente toda de Torre é unha marabilla. Quen pode facer réxime con eles?
Actualización 21:05: María subiu unha bonita reportaxe fotográfica da tarde. Non se lle escapou nada.
Actualización (2) 23.30: na feira tamén parolei con naúfrago (escritor e grande animador cultural de Sal) e comentamos a sá envexa que como vigueses nos daba o bo ton da feira de Torre. Como se ve, e sen querelo, este serán xuntou a un bo fato de blogueiros (comentamos que se sabía que en Torre tamén estaba o máis grande polemista, mais eu non falei con el, coas ganas que tiña).
N’O Secreto ceei eu o martes en compaña dos amigos fabricantes, despois do recital poético que ofreceron na Feira. Tiña mais encanto o seu antigo emprazamento, porque había que atravesar un longo corredor de pedra até chegar ao comedor.
Foi moi bonita a tarde-noite, tamén para min.
Por certo, que vai haber na web de Manuel O’Rivas? Sería moito pedir un blog?
Tamén coñecía o antigo Secreto. Fixen na Coruña, hai moitos anos o bacharelato. Non sei quen dixo que un é de onde fixo o bacharelato; quizais sexa por iso que quero tanto a esa cidade.
Rivas, como se pode comprobar, está preparando un sitio web moi meditado. Preguntareille se vai ter blog. Non o sei.