Salvar as palabras
Sei por Marcos do magnífico proxecto da AELG de salvación de palabras en desuso e en perigo de extinción. A iniciativa “Palabras con memoria” pretende recuperalas e poñelas de novo en vixencia e incluídas nos dicionarios. Esta iniciativa é semellante á que promoveron o pasado 23 de abril a Escuela de Escritores de Madrid e a Escola de Escriptura do Ateneo de Barcelona co nome “Apadrina una palabra en peligro de extinción”. Quen queira colaborar no fermoso proxecto da AELG debe dirixirse a Isidro Novo (palabra.con.memoria@aelg.org). Nos comentarios da anotación de Marcos aparece xa unha importante relación destas palabras e o modelo de colaboración (solíctase significado ou significados, zona onde é utilizada e outras consideracións para a súa recuperación). Aí van algunhas:
acomerar, anudún, babuxo, broas, castre, cencellar, conaipas, escampaviar, escornapitos, facer xixa, filusmías, gabuxas, quilar, porén á rebendía, sifate, xarbote…
Creo que podería ser bonito que a AELG habilitase un espazo no seu web para a publicación destas palabras recuperadas, convertendo o traballo colaborativo que se fai na rede nunha ferramenta útil para esta empresa solidaria. Pola miña banda apadriño a recuperación de “marrucho” (non está aínda no Gran Xerais) como sinónimo de “filloa” (doce feito de masa moi delgada, composta de fariña, leite ou auga e ovos, todo mesturado, que se frite na tixola en láminas finas, podendo engadirlle logo azucre, mel ou outras lambetadas). A palabra “marrucho” emprégase aínda na parroquia de San Pedro da Ramallosa (Nigrán): O domingo comeremos un bo prato de marruchos.
Bonita iniciativa, aínda que como ben comentas, o seu sería facelo a través da rede utilizando un wiki ou calquera outra ferramenta que considerasen mellor…
e por certo, un local de Baiona leva o nome de Marrucho seica polas filloas, cousa que poucos saben, pois seica só se usa no Val Miñor.