Informe sobre o impacto do préstamo
Hoxe La Voz de Galicia e Vieiros informan sobre os contidos do informe, encargado pola AGE e elaborado por un grupo de traballo da USC, sobre o impacto moi negativo da modalidade de préstamo do libro de texto sobre a viabilidade sector editorial galego. Non vou reiterar as miñas opinións sobre a cuestión que, desgrazadamente, son agora avaladas por datos ben contundentes. Transcorridos xa dous anos e medio de lexislatura, o conflito sobre a modalidade de préstamo do libro de texto continúa, a pesar dalgúns compromisos adquiridos pola Presidencia da Xunta e algunhas melloras técnicas da Consellaría de Educación, en punto morto. Mentres non exista unha política de lectura e do libro promovido como un eixo transversal polo goberno galego, que abranga o traballo de todas as consellarías, dificilmente pode solucionarse este problema. Aquel compromiso inicial da Consellaría de Cultura de promover unha Mesa Técnica formada polo sector e representantes das consellarías de Educación, Cultura, Industria e da Secretaría xeral de Política Lingúística quedou no esquezo. Ogallá este informe axude a reflexionar aos diversos responsables políticos e se puidese recuperar. A esperanza é o último que se perde.