Onte 326: A lección de Feijoo
A redución do número de membros do Parlamento de Galicia, que pretende impoñer Feijoo, non ten que ver só coas políticas de austericidade das que tan amigo é o presidente da Xunta. Abonda con ler hoxe a información de Atlántico para comprobar que só o gasto en asesores para o seu gabinete (2,3 millóns de euros) duplica o aforro que supoñeria contar con catorce postos menos nas bancadas do Hórreo. Non, non é cuestión só de «aforro». Esta xibarización parlamentaria forma parte da estratexia de rexionalización de Galicia que Feijoo e Rueda levan desenvolvemento dende inicio da lexislatura. Aí cadra a ofensiva obsesiva para modificar o estatus do galego no sistema educativo non universitario e eliminar as seleccións deportivas galegas, dúas medidas moi políticas que non foron nin moito menos inocentes. Aí cadra a devaluación do Parlamento, institución primeira do noso autogoberno, á que Feijoo e o seu goberno conceden moi escasa relevancia. Ademais de contribuír á rexionalización do estado das autonomías –un proceso no que Feijoo se atreve a desputar (dende posicións «temperadas») o liderado a Esperanza Aguirre–, esta xibarización axudaría ao PPdeG a gañar as Autonómicas, máis aínda cando as enquisas, a pesar das dificultades da oposición de articular unha alternativa verosímil, comezan a non serlles tan favorables aos conservadores. Se a isto engadimos que unha redución deste tipo sempre concita simpatías entre os sectores do electorado que «critican» a política, o movemento de Feijoo non pode ser máis eficaz para os seus intereses. Recentralizar, desprestixiar o valor da participación política e expresar liderado entre os baróns de Rajoy serían, pois, os verbos principais utilizados por Feijoo nestoutra das súas leccións de pragmatismo, ditada sen escrúpulos nin morais nin ideolóxicos. Así é o personaxe.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir