Onte 1331: Un día sen música
En Compostela vin onte a manifestación dos músicos das orquestras reclamando ao Goberno de Rajoy un IVE cultural reducido e unhas condicións especiais de tributación e ao de Feijoo un axeitamento da lei de espectáculos á situación (precaria) da súa actividade. A mobilización dos músicos galegos coincidiu coa xornada «Un día sen música» que o sector da música en España, dende os artistas e produtores até os empresarios de salas de concertos, promoveron para apoiar a presentación no Congreso dos Deputados de milleiros de asinaturas reclamando a recuperación do IVE do 8 % para o sector cultural, semellante ao existente no resto dos estados da UE. A pesar dos ruxerruxes que ao inicio da campaña electoral predicían un anuncio inminente da volta atrás de Montoro e Wert, o trasacordo non acaba de concretarse. A cultura continúa sendo un sector sacrificado polo Partido Popular alí onde goberna. Temo que haberá que continuar insistindo en mobilizacións coma as protagonizadas onte polo sector musical.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir