Poema de hoxe 166: «Branca» de Eduardo R. Cunha «Tatán»

Máis aló do horizonte
a nube branca descende,
baixa e sube, sube e baixa.
Ten voz clara, alta e sincera
e chove nas beirarrúas
palabras de doce espera.

Eduardo R. Cunha Tatán, «Branca» (2015)

Onte 1700: Chapeu, Tatán!

Chapeu_tatanFoi no Culturgal pasado cando Eduardo R. Cunha «Tatán», o veterano fundador de Tanxarina, presentou Chapeu, o seu primeiro disco como cantante en solitario, unha desas marabillas da inesgotable e sorprendente música galega que tanto nos prace. Unha ducia de cancións, a maior parte sobre poemas do choqueiro, outras tantas historias sobre o mundo da escena onde leva traballando case tres décadas. Cancións que visitan o jazz, o blues ou a canción melódica tradicional, algunhas memorables como  o fado «Branca» (unha obra mestra), «Veludo e algodón» ou «Amores por terra», unha habaneira desas que tanto gustan en Redondela, todas auténticas marabillas onde a voz rota e serena de Tatán destila puro swing, un tsunami de tenrura, emoción e retranca. A produción musical de Pablo Vidal é moi coidada, ao que axuda a presenza de numerosos amigos que arroupan ao redondelán nesta magnífica estrea. Recomendo moi vivamente este cedé, Chapeu, Tatán!

Poema de hoxe 166: «Traguerán os camiños algún día» de Xosé María Díaz Castro

Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron…

Xosé María Díaz Castro

Onte 1699: Presentación de «Galería de saldos» de Diego Giráldez


Porriño_10_06_2016_01

XG00255001Inesquecible foi a presentación no Porriño de Galería de saldos, o debut en Xerais Narrativa de Diego Giráldez. Na súa intervención a escritora Ledicia Costas situou este primeiro libro de Giráldez como «un deses bos libros que arrincan unha emoción de xeito natural, deses que mancan». «Diego non escribe, dispara», continuou, para salientar despois que «o gran acerto de Galería de saldos é a forma, Diego ten de serie impreso no seu ADN literario un estilo de seu xa nn seu primeiro libro, non se pode aspirar a máis». Remtou a autora d´ Un animal chamado Néboa lembrando que «Diego, com todo bo escritor maldito que se prece, ten o seu nivel de sofisticación, presente neste magnífico primeiro libro». Na presentación falouse tamén do booktrailer interactivo de presentación do libro, que achega unha experiencia visual envolvente, semellante á que vive o lector que se somerxe nos trinta relatos deste universo ficcional, unha auténtica galería onde as vidas perderon o seu valor e conservan apenas a súa beleza precaria.

Onte Paz Raña publicaba no seu muro de Facebook unha nota de lectura de Galería de saldos que entendo é moi clarificadora sobre o gran interese do libro de Giráldez:

Atendín as indicacións de Manrique Fernández e lin o libro moi, moi devagar, pero lino todo, deseguido, sen pausas, arrestada polo pracer de ler un libro de relatos distinto, cunha contemporaneidade brutal. Historias que suceden acotío narradas cun pulso extraordinario, co bonus track da alegría que me dá situar o libro no andel dos preferidos. Un descubrimento.

Poema de hoxe 165: «Andamos os camiños puros» de Ramón Otero Pedrayo

Andamos os camiños puros
e os riscados polas nosas fantasías

R. Otero Pedrayo

Poema de hoxe 164: «Pero o camiño farémolo» de Darío Xohán Cabana

Pero o camiño farémolo
e o sol terá de alumar;
a meta será dos homes
e o corazón será mar,
terra, lume, berro e mar

Darío Xohán Cabana

Onte 1698: Nos camiños

Clubs_de_lectura_10_06_2016_01

Nos últimos tres días andei os camiños do país de aquí para acolá apoiando varias presentacións e recepcións de premios de libros da editorial, nese labor imprescindible dos editores de contribuír a facer máis visibles as nosas novidades e catálogos. En todos estes actos percibín unha inequívoca intencón de actualización dos formatos dete tipo de actos e do seu eco nas redes.

Na cata literaria, celebrada no Museo Interactivo de Historia Lugo, onde presentamos no serán do xoves Tempo de bebidas isotónicas e fast-food de Álex Alonso, foron o viño e as tapas, servidos antes do inicio do acto literario, o engado para un público tan numeroso como atento. No caso da presentación de Galería de saldos, o libro co que debuta Diego Giráldez, celebrado o venres no Círculo Recreativo Cultural do Porriño, na que participaron 200 persoas, foi a actuación do croner Tony Lomba a que pechou un acontecemento inesquecible. Como tamén o foi no serán do sábado a celebrada no Ateneo Valle Inclán de Ribeira, onde se presentou As horas roubadas de María Solar, outro acto magnífico pechado con tres cancións a capela de Javi Maneiro, o cantante de Herdeiros da Crus.

Sabemos que a fusión da literatura coa gastronomía ou coa música, como os itinerarios e viaxes literarias, como o protagonismo dos lectores e lectoras nos clubes de lectura, contribúnen de forma decisiva á presenza do libro galego na axenda pública. Nesta semana seguiremos nos nosos camiños con novos actos de Xerais en Ourense, Vila de Cruces, Santiago, Vigo, Ribeira e na Feira do libro, que por vez primeira chega a Redondela.

Poema de hoxe 163: «Son aquel eu que sigue o meu camiño» de Xesús Crecente Veiga

Son aquel eu que sigue o meu camiño
mirando arriba, ollando ós horizontes
e debullando nun cantar baixiño
tristezas de hoxe e alegrías de ontes.

X. Crecente Veiga

Poema de hoxe 162: «Gastarei o meu corpo nos camiños» de Manuel María

Gastarei o meu corpo nos camiños
até ser po, seixo e silveira

Manuel María

Poema de hoxe 161: “Camiño coas pálpebras pechadas” de María Xosé Lamas

Camiño coas pálpebras pechadas
acompasando os pasos cos ecos da nostalxia.

María Xosé Lamas