Edición pública

Mañá participo no curso sobre Edición institucional que organiza a Escola Galega de Administración Pública (EGAP), dentro do seu programa de formación continua. A preparación da conferencia obrigoume a volver reflexionar sobre cuestión tan polémica. Que e como deben editar os poderes públicos?
A primeira precisión que entendo debe facerse é sobre o propio concepto de “edición institucional”, que propoño modificar polo de “edición pública”, como a realizada por axentes editoriais da Administración Xeral do Estado, da Xunta de Galicia, das Administracións Locais e das Institucións Educativas e Culturais Públicas (singularmente as tres universidades).
A segunda, é que nos últimos dez anos a edición privada en galego medrou un 139%, mentres que a edición pública reduciuse case nun 30%. O que supón que é falsa esa idea tan estendida de que a Xunta de Galicia é o primeiro editor en galego (chegou a selo a comezos dos anos noventa). É un feito irrebatible que hai unha tendencia clara e constante de redución da edición pública en Galicia (ata adoptar unha magnitude moi inferior ao do conxunto da edición pública española; en 2003 en Galicia supuxo un 9,58% do total da edición en galego, mentres no conxunto do estado acadaba o 15,15%).
A terceira atinxe aos obxectivos desta actividade editorial pública: fomentar a lectura, recompilar normas xurídicas emanadas dos seus órganos e informar á cidadanía sobre o traballo das diferentes administracións ou sobre cuestións consideradas de interese xeral.
O cuarto fai referencia aos criterios da súa organización: necesidade administrativa, utilidade social e austeridade.
Por último, no que atinxe as propostas para reorientar a edición pública, ademais das contempladas no borrador da Lei do Libro e a Lectura, propoño:
  1. Aquelas publicacións que sexan consideradas como de carácter non venal (as que teñen posibilidades escasas de entrar no circuíto libreiro, como informes, plans dos gobernos e administracións…) deberían ser editadas en soporte dixital para ser descargadas na rede en formato PDF ou só a primeira en tirada moi reducida. Esta é a experiencia exitosa que ven desenvolvendo a mediateca do Consello da Cultura Galega. Aforraríanse os custos variables de papel, impresión e encadernación.
  2. Os proxectos de coleccións estables de carácter literario ou relacionadas coas artes, que pretenda promover a edición pública poderían ser realizados por medio do sistema de coedición ou de creación editorial concertada. Esta é a experiencia exitosa que ven desenvolvendo o IGAEM coa coedición con Edicións Xerais de Galicia, dende hai dezaoito anos, da colección “Os libros do Centro Dramático Galego”, hoxe a máis importante colección do teatro galego, que acada case o medio centenar de títulos. Modalidade que desenvolveu a editorial Galaxia coa Consellaría de Presidencia para a publicación dunha colección de “Clásicos Universais” en galego. Este sistema presenta na miña opinión importantes vantaxes para as dúas partes: para o sector público, axilidade na xestión dos dereitos de autor, maior visibilidade nos medios de comunicación e continuidade nun catálogo; para o sector privado, permite atopar viabilidade para xéneros moi minoritarios a custes asumibles.
  3. Este mesmo sistema podería ser empregado para edicións singulares propostas por editoriais privadas. Esta é a experiencia exitosa que ven desenvolvendo o Consello da Cultura Galega. Tanto nun caso coma noutro, os convenios de coedición deben axustarse ao sistema establecido polo réxime de contratación coas administracións públicas.

125 anos de "Follas Novas"

Náufrago tivo a feliz idea de organizar hoxe un acto literario arredor de Rosalía de Castro e do 125 aniversario da primeira edición de Follas novas. O profesor Alonso Montero deu unha fermosa lección sobre a “musa solitaria, solidaria e da transrealidade”, lendo, ao remate da súa intervención, “Tecín soia a miña tea”, un poema do que se confesou fanático. Logo cinco escritores compuxeron unha breve antoloxía sonora das súas Follas Novas: Dolores Ruíz (“Ódiote”), Laura Caveiro (“Ao sol fun quentarme” e “Basta na morte”), Fran Alonso (“Daquelas que cantan” e “Xan”), Francisco Castro (“Maio longo”, “Sarna con gusto non pica” e “Verdade un pode”, rematando María del Carmen Kruckeberg con “A xustiza pola man”.
Revisitar e reivindicar a Rosalía (é lastimeira a maior parte da información que sobre ela se atopa na rede, chea de tópicos e erros, xeralmente máis vencellada ao esoterismo cá literatura galega) segue sendo tan necesario como iluminador, xa que, como comentou o profesor, as súas palabras seguen termando deste mundo tan fráxil no que vivimos. Saímos da Casa do Libro cantando “Hai dos que levan na fronte unha estrela, hai dos que levan no bico eun cantar…” que dicía o rabudo do Curros.

Andeis, frigoríficos, camas…

Vía Rogerio coñezo hoxe tres iniciativas na blogosfera portuguesa para voyeurs discretos: Estantes & Leituras, O meu frigo e A minha cama.
Gotinha propón que compartamos a fotografía do noso frigorífico xa que para ela “se a nossa roupa diz un pouco quem nós somos, o frigorífico tamén o deve fazer!”. Pola súa banda Jacky propón un blo onde cadaquén envíe unha fotografía dos andeis da súa bibliotecas ao tempo que comente as súas lecturas preferidas. A mesma Jacky anima A minha cama, cunha proposta voyeur semellante, desta volta propoñendo que ás fotografías se acompañen con comentarios sobre “modos de durmir e sobre sonhos” (sic).
Se non abondase e tirando do fío atopo outros fotoblós temáticos portugueses desta mesma fasquía coleccionista: a Minha Sanita, Roupeiro, A Minha Secretaria, As Minhas Cuecas, O teu Sofá, O meu animal, Soportas, …
Non atopo palabras.

O heroe frustrado

Marcos Valcárcel publica, tamén, hoxe outra crítica sobre a estrea d’ O heroe en La Región, que reproduzo na súa totalidade por non poder lerse na rede:

O HEROE FRUSTRADO
É o momento no que sabemos que Caronte é un heroe frustrado cando entendemos moitas das pezas que se ensarillan no Heroe de Rivas: o amor e o desamor, a tiranía e a rebeldía, a guerra e a paz, a liberdade e a opresión, os líderes sublimes e os seres anónimos, todo ese conxunto de pares encaixan definitivamente. Caronte, o exlexionario que regresa dunha guerra que non existe oficialmente (Sidi-Ifni), conduce toda a historia como aqueloutro Caronte conducía as almas en pena que atravesaban a lagoa Estixia tras pagar o óbolo correspondente. Pero Caronte non podía transportar aos mortais vivos (por iso anoxou a Hércules) e o Caronte de Rivas devén ao final derrotado pola ironía dun cachón de augas no que se supón que é a hora histórica da inmolación que vai dar razón e sentido á súa existencia. Sarabela xoga con xeito co texto de Rivas, alternando os trazos tremendistas (a tortura) co sentido do humor e o lirismo da prosa deste autor. Hai momentos brillantes como o barbeiro que interpreta X.A.Porto “Josito” ou as esceas da Lucía que fala coa voz de Nate Borrajo. Pero, sobre todo, de O heroe quedará a interpretación maxistral de Fernando Dacosta, posuídor dunha inmensidade de rexistros dramáticos que xa ten demostrado moitas veces. Se Fernando nacese noutras latitudes, tería dereito a soñar coas glorias que adobiaron a monstros como Marlon Brando ou Kirk Douglas. Aquí, só podemos ver as súas artes nestas citas de Sarabela. Ogallá o público da TVG, que só o coñece a través de Pratos Combinados, acuda xa aos teatros a recoñecer este tesouro que temos oculto.
Marcos Valcárcel

Madeira emocional

Camilo Franco publica hoxe en La Voz de Galicia a primeira crítica sobre a estrea d’ O heroe. Entre outras consideracións sinala:

  • A obra compórtase con audacia para levar aos espectadores a paisaxes pouco teatrais, asume algúns riscos de aparato ao tempo que tantea algúns elementos simbólicos para acompañar a unha liña que busca, en cada caso, o lado humano das cousas, antes que calquera outra consideración dun tempo cheo de ruído e de furia.

Como se fai un libro?

Ten graza esta reportaxe de Lg3 sobre o proceso de edición dun libro.

Corpos e palabras

Creo que pode axudar a entender as intencionalidades d’ O heroe ler o texto que preparou Manuel Rivas para o programa de man.

CORPOS E PALABRAS
A procura da liberdade non só vai labrando as sociedades, senón que tamén, e sobre todo, esculpe aos seres que andan nesa procura. Hai unha conexión de fondo entre ese andar pola liberdade e a etimoloxía latexante do vivir: o vivir en vilo, ser corpos abertos dispostos a ser habitados por esa forma inquietante de beleza que chamamos emoción. De primeiras estou a pensar en Sarabela, esa criatura ventureira da escena galega que agora cumpre vinte e cinco anos. Ventureira nun dobre sentido: que trouxo ventura e que implica risco.
O heroe quere representar a historia dun corpo aberto, ese proceso de habitar outras vidas, outras voces, diferentes á que semella predeterminada. Un corpo aberto que vai soerguéndose como un espazo tecido de linguaxe, como un contrapunto, fronte ao derrube colectivo, á esterqueira moral, que supón a negación da liberdade. A historia das palabras está intimamente vinculada á dos corpos. E aquí fálase de feridas das palabras e dos corpos, mais tamén do laborioso e fráxil esforzo de recomposición, a comezar polo pasadizo soterrado da ironía.
O heroe transcorre, en grande parte, nun tempo histórico extremo, na ditadura franquista, mais tamén cando este réxime sinistro, a principios dos anos sesenta, é percibido por moita xente como unha “paisaxe natural”. Así, no mundo da complicidade e da propaganda, un inhumano e permanente estado de excepción é vivido como “normalidade” e a rebelión contra ese estado de cousas como unha temeridade. Como pode ocorrer este secuestro da verdade, este control das mentes, ante tantas tesemuñas e durante tanto tempo? As olladas e as verbas son confinadas entre catro paredes, aínda que ás veces as pedras e os muros teñan aparencia de translúcidos.
A rebelión que protagoniza o noso heroe xorde nun paradoxo. El é un guerreiro nun réxime que tiña os seus alicerces chantados na guerra, na idea de imperio, concretada na conquista do propio territorio. A chamada “guerra secreta” do Sidi Ifni, a guerra dos Cen Días, daquela colonia africana, provócalla un choque que fai trastallar as lousas da súa conciencia. O heroe guerreiro pasa a proba do que poderiamos chamar a pena de Marte, a mágoa do deus da guerra. E pasará outras probas nunha persoal odisea subversiva do sentido tradicional do valor e do culto ao guerreiro, na que latexa como fondo a pregunta de Albert Camus: “Como reaccionar fronte ao mal sen caer noutra forma do mesmo mal?”. Para min, o levedar do pan segue a ser un misterio. E o mesmo ocorre co nacer dunha obra. As circunstancias históricas son ben distintas. Mais sospeito que o que aquí se trata e pode inquietar algo ten que ver co mundo de hoxe.
Manuel Rivas

Éxito da estrea

A estrea de onte d’ O heroe foi todo un éxito. A montaxe de Sarabela é magnífica, á altura da calidade do texto literario de Manuel Rivas. A interpretación de Fernando Dacosta no personaxe de Caronte (nun papel moi complexo, que require de diversos rexistros) é moi destacada, así como o desenvolvemento rítmico de texturas escenográficas sobre un espazo moi ben resolto. A proposta escénica de Ánxeles Cuña consegue que a emoción e o interese do público non decaian ao longo dunha intensa hora e media. Todo un éxito. Non me cabe dúbida que este heroe, vai ter moi boa acollida na xira que comeza polo país, contribuíndo a visibilizar e normalizar o teatro galego. Sen dúbida, é unha boa noticia. Haberá que agardar estes vindeiros días pola opinión autorizada da crítica. Onte saímos felices de Atenas.

Recordo de Chano Piñeiro

No artigo da semana recordo o papel de Chano Piñeiro, falecido prematuramente hai dez anos, no desenvolvemento do actual sector audiovisual galego.

Máis sobre "Los girasoles ciegos"

Teño recomendado en varias ocasións este libro. Hoxe en Babelia o crítico Fernando Valls, director de Quimera, insiste na defensa deste ciclo de contos de Alberto Méndez empregando un argumento tan contundente como, para min, inédito:

  • Éste es, por tanto, uno de esos pocos libros que puede satisfacer a todo tipo de lectores. Por un lado, es sencillo y profundo a la vez; realista, pero cargado de simbolismo. Por lo que no me parece arriesgado repetir la propuesta que hace ya varios meses les hice a los lectores de la revista Quimera, sin que mi economía haya sufrido hasta ahora merma alguna por ello. Estoy tan seguro de que van a disfrutar y a emocionarse con la lectura de estos cuentos que me comprometo a devolverles el dinero a todos aquellos que se sientan decepcionados con su lectura. Es una oferta sin riesgo alguno.