Salto de altura

A catarreira e a febre deitáronme no sofá e nestas dúas tardes papei coma un parvo os campionatos todos. O mellor foron os concursos de saltos: en pértiga feminina unha rusa bateu a marca mundial (4,90 metros) e en salto de altura un sueco voou a 2,40 metros. Os dous só puideron abandonar a competición cando demostraron cos seus tres “nulos” que non eran capaces de superar unha maior altura. O éxito deportivo é moi efémero; os saltadores aceptan que sempre van rematar cun fracaso. Unha metáfora da vida.

Hai días escoitei unha entrevista moi emotiva con Héctor Tizón, que me levou a mercar decontado La casa y el viento. Non lera nada deste autor arxentino, considerado un clásico no seu país. A novela, mais ben é unha noveleta, interesoume. Narra a fuxida cara unha fronteira, a desolación do exilio, a imposibilidade do regreso. É un libro de beleza dolorosa, de saudades e desacougo. Lembroume tematica e estilisticamente ao de Veiga. Anotei no caderno as frases que me interesaron:

  • A historia dun home é un longo paseo arredor da súa casa”;
  • “Onde hai libros non hai diaños”;
  • “Só hai necesidade de definir o que se quere mudar”.

O escritor guitarrista

Volvín de Torre ben satisfeito. O acto con Landero foi bo. A súa conversa contaxia as ganas de lelo. Creo que afán é a palabra que mellor define a este novelista vocacional, que move constantemente as súas mans de guitarrista para apoiar o seu discurso apaixonado. Entre a morea de ideas luminosas que expresou sobre a ficción anotei unhas cantas no caderno:

  • O maior perigo do escritor é deixar de sentir, deixar de asombrarse;
  • O segredo da vida é vivir e soñar. Vivimos de día e de noite soñamos, que non é outra cousa que narrar, transformar en relato a experiencia vivida;
  • O escritor é alguén que observa, que mira arredor, que ten un xeito especial de mirar. E ese xeito é o que chamamos estilo, e cadaquén intenta procurar o seu;
  • O escritor debe lembrar cada día que vive nun país afastado;
  • A memoria é o almacén onde debe acudir o escritor: ninguén debe ser esquecido, ninguén debería morrer nunca de todo e para sempre; o escritor debe participar na escrita da Enciclopedia do Xénero Humano, un volume onde aparecesen non só os notables, senón todas e cada unha das persoas que pasan polo mundo;
  • A miña biblioteca da infancia foron os libros orais do meu pobo campesiño;
  • A ruptura da cadea de transmisión da cultura campesiña é unha traxedia cultural maior ca o incendio da Biblioteca de Alejandría;
  • O narrador ten que vivir lentamente e escribir sobre o concreto, aquilo sobre o que somos inimitables;
  • A arte toda nace da inamizade coa vida, dese desacougo, desa insatisfacción;
  • A unidade básica da novela está nas esceas;
  • O ritmo da novela conséguese entrelazando as esceas e mantendo o compás;
  • Cando a emoción funciona na novela, funciona toda;
  • Iso que chaman inspiración do escritor non é outra cousa que a visita da intuición en momentos de fulgor;

Landero forma parte desa derradeira xeración de narradores que aínda recibiron directamente o legado da memoria humilde dos seus maiores, escoitando a súa voz ancestral, e, ao mesmo tempo, se incorporaron ás transformacións provocadas pola cultura urbana. Son –en Galicia hai boas mostras, tamén– “fillos dun século en miniatura”. Beizóns para este escritor arraiano de narración perdurable e lúcida. Pagou a pena escoitalo. recomendo vivamente lelo a quen non o fixese.

Lectura europea

Por fin atopo datos fiables sobre a lectura e o consumo de libros nos países da Unión Europea. Este eurobarómetro da lectura (datos da Unesco) amosa unhas diferenzas enormes entre uns países e outros. Con eles reafírmome na tese, que intuitivamente defendín nalgunhas entrevistas, de que os hábitos de lectura son unha cuestión de temperatura (os europeos que máis len son suecos e fineses; o maior índice de libros editados por habitante téñeno os islandese): a menor temperatura media maiores índices lectores e de edición de libros. Acaso funciona esta correlación en Galicia? Será outros dos sinais diferenciais?

Galicia encantada

Hoxe abriu un sitio que ben merece ser visitado. Galicia encantada é unha enciclopedia virtual da fantasía popular de Galicia. Aquí podemos atopar a historia da Galicia imaxinaria, seres míticos, lendas, ritos, contos, romances e aventuras. Recoméndoa vivamente. Está preparada por Antonio Reigosa e a navegación é vistosa e amigable. Unha fonte que seguiremos con enorme interese. Beizóns para os promotores.

Reunión de editores

Hoxe directiva e asemblea de editores. Oito horas, con xantar na raxaría incluído, deron para moito. Para saber do rumor (máis que fundado) de que Planeta pretende comezar a editar proximamente en galego, iniciándose no xénero infantil e xuvenil; para confirmar o inicio da emisión da segunda canle da TVG (como a chamarán TVG2?) antes das vindeiras eleccións e con contidos sobre todo infantís e culturais; para coñecer o programa do vindeiro Galeusca (Donostia, 8-11 de xuño, seguro que non poderei participar). E, por riba, vimos unha nevaradiña en San Marcos, aínda que as folerpas non coallaron.

Biblos

Biblos, o clube de lectores en lingua galega, cumpre hoxe dous anos. É esta unha proposta cultural orixinal que merece ser apoiada, tanto pola calidade dos servizos que ofrece (revista e web, especialmente), polas súas ofertas e descontos, como pola orixinalidade das súas iniciativas. Tucho e Carmela foron deseñando amodiño unha liña de edición, a colección Mandaio, que constitúe tamén unha das iniciativas editoriais galegas recentes máis suxestivas e coidadas. Parabéns polo seu segundo aniversario e longa vida para esta semente de palabras de esperanza.


O día 3 nace Diagonal


Diagonal

Anúnciase a aparición de Diagonal, un novo periódico quincenal de actualidade crítica achegado aos movementos sociais. Ata agora non tiñamos noticia ningunha desta publicación nacida en Madrid como refundación do mensual Molotov. Prometen abordar as noticias que non toca a prensa convencional, sinalando como os seus referentes a medios como Le Monde Diplomatique, Il Manifesto. Custará dous euros, non terá director e a primeira portada, a deste vindeiro xoves, terá relación cos ex-ministros do Partido Popular. Poderemos atopalo en Galicia? É viable un modelo xornalístico do tipo proposto?