Está vendo o arquivo da categoría » o_son_do_camiño

O Son do Camiño

bretemas —  5 de Marzo de 2018 — Deixa un comentario

Dedico o artigo da semana en Luzes ao festival O Son do Camiño:

Os fastos do Xacobeo 2021 de Alberto Núñez Feijoo comezaron esta semana cun éxito esmagador. Os vinte mil abonos do festival O Son do Camiño, que se celebrará no Monte do Gozo na fin da semana do 28 ao 30 de xuño, esgotáronse en menos de dúas horas. O cartel encabezado por The Killers, Lenny Kravitz e Jamiroquai funcionou na rede como un imán, cuxa potencia incrementou a existencia de dous mil abonos de 39,00 €, aínda que a maioría dos vinte mil da billeteira, vendida nun cincuenta por cento en Galicia, tivo que pagar cantidades superiores, que chegaron até os 79,00 €, o que estimamos supuxo unha caixa para os organizadores (unha unión temporal de dúas empresas galegas Old Navy Port e esmerArte) de 1.250.000 €, aos que engadirán a venda de entradas para cada un dos días do festival, os ingresos das barras e do patrocinador privado como os case tres millóns de euros (si, 3 millóns de €) achegados pola Xunta de Galicia, patrocinador principal do acontecemento.

O caso é que non imos poñernos repunantes polo contido de tan atractivo cartel, en cuxa web non existe rastro ningún da lingua galega, nin sequera lamentar a escasa presenza da música galega, reducida en tres días a Novedades Carmiña, Eladio y los Seres Queridos, Agorophobia, Malandrómena, Bala e os rapaces e rapazas de Furious Monkey House. Nin afondar na comparación entre estes case tres millóns destinados a este primeiro festival do Xacobeo 2021, cos fondos irrisorios destinados en 2017 por AGADIC ao conxunto dos festivais musicais galegos (220.000,00 €), aos festivais de artes escénicas (170.000,00€) e a eventos transversais como Culturgal (57.000,00 €) ou pola Consellaría de Cultura á adquisición de novidades editoriais en galego para bibliotecas públicas ou para a presenza da edición galega nas feiras internacionais, da que temos aquí falado.

Porén, é imposible non citar as denuncias que os tres grupos da oposición fixeron no Parlamento sobre unha contratación «a dedo» que se fixo sen posibilidade de concorrencia competitiva nin transparencia ningunha. Como tamén cómpre deterse no comunicado da Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) do pasado 23 de febreiro no que solicita a paralización do proceso de adxudicación deste contrato de patrocinio negociado sen publicidade por entender que «non cumpría cos requisitos mínimos de concorrencia e igualdade de oportunidades para as distintas empresas do sector». Como convén reparar que para os integrantes de AGEM, a asociación representativa do sector musical, existen fundadas sospeitas de que «o contrato foi preparado con accións que permitisen darlle unha aparencia de legalidade» e que «a exclusividade outorgada pola Xunta de Galicia para a programación neste ano do Xacobeo 2021 a unha UTE de dúas empresas está a xerar graves distorsións no mercado, atentando contra a competencia e poñendo en risco a supervivencia de moitas empresas do noso sector».

Polémica nun dos sectores máis maduros da nosa industria cultural, que nos últimos anos estaba desenvolvendo en Galicia un interesante modelo de festivais musicais sostibles, con escasa dependencia dos fondos públicos, mais que remite, outra volta, a cal debe ser o papel dos poderes públicos no seu apoio a este sector. Xaora, tanto polo seu cartel de «grandes figuras» como pola forma de adxudicación do seu contrato de patrocinio, o festival O Son do Camiño, adianta que a estratexia de Feijoo será idéntica a de Fraga e estes espectáculos serán xustificados a ferro e a fariña polo seu efecto chamada sobre o sector turístico. O que despois do moito sufrido na última década, se traduciu no sector cultural galego en pan para hoxe e moita fame para mañá.

Política de grandes concertos que será para Feijoo moi útil no período electoral municipal no que entramos (O Son do Camiño visitará en outubro cinco cidades), mais que nada ten que ver coas demandas teimosas dos diversos sectores da industria cultural galega que, a pesar dos seus eventos, premios e galas, continúan vivindo á intemperie, agardando por un plan estratéxico da cultura galega capaz de orientar a abordaxe do proceso de globalización e hibridación dixital. Un plan que debería abordar cuestións como os criterios a utilizar na adxudicación de contratos de patrocinio ou nas políticas de apoio á creación e promoción da produción cultural galega. Aí atoparíamos a cerna desta polémica sobre un festival cuxo éxito de público e rendabilidade política están aseguradas.